O videoxogo War of Sides representará a nosa terra na final de Talentum Startups de Telefónica
martes, 4 de novembro do 2014
- Saúl Molinero presentou War of Side no acto de peche de Talentum Startups Galicia
A Telefónica sedúcelle
a innovación e a creatividade galega TIC. Se había algunha dúbida
ao respecto, hai temos Galicia
Open Future (aceleradora na que están a participar xa medio
cento de proxectos nosos) para certificalo. A marxe de incerteza
aínda se estreita máis co éxito acadado polo proxecto galego War
of Sides, que vén de ser seleccionado
para competir na final nacional de Talentum Startups de Telefónica.
Este videoxogo, creado polos vigueses Saúl Molinero e Abdón
Rodríguez, foi seleccionado para representar a Galicia no último
chanzo, o decisivo, de dito certame, unha cita que terá lugar a
principios do vindeiro ano no Espazo Fundación Telefónica, en
Madrid, e no que competirá xunto a outras 10 iniciativas procedentes
de toda España.
- O xogo consiste en derrotar distintos monstros presentados mediante realidade aumentada para así conquistar os territorios que ocupan
Segundo apuntan fontes da
operadora, entre os principais factores que influíron na elección
de War of Sides figuran o nivel de maduración do proxecto e a
súa innovación tecnolóxica, “amais das súas perspectivas de
negocio”. O xurado seleccionou o xogo galego como a mellor das
catro propostas desta edición, malia o alto nivel de todos os
traballos presentados (keylessHome, Thunder Breaker e Trendon.me).
Ambientado na época
medieval, War of Sides mergulla ao xogador nun mundo
fantástico no que conviven realidade e ficción, e no que terá que
loitar contra seres e criaturas imaxinarias para conquistar os
máximos territorios posibles. “A súa principal novidade”,
engade a operadora, “é que cingue nunha mesma plataforma
tecnoloxías de realidade aumentada, xeolocalización, xiroscopios e
acelerómetros, con outras propias dos xogos en liña, máis acceso a
datos na nube”. Isto permite ao xogador ter como escenario de xogo
a cidade onde se atopa e interactuar con ela, explica Telefónica.
Lembrar que o proxecto desenvolveuse e colleu corpo definitivo ao
longo de medio ano na sede da Fundación Barrié na Coruña, abeirado
ao programa Talentum Starups de Telefónica. Arestora atópase en
fase bate privada, sendo posíbel probalo de balde a través da
súa páxina web.
- Imaxe dos finalistas de Talentum Startups Galicia