O vindeiro sábado celebrarase o Scratch Day na Facultade de Informática da Coruña

martes, 3 de maio do 2016 Redacción

O vindeiro sábado a Facultade de Informática da Coruña (FIC) acollerá o Scratch Day, una xornada organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para difundir os valores da programación informática entre os rapaces e os seus pais de forma lúdica e divertida.
O encontro está dirixido fundamentalmente a rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos, que acompañados dos seus pais e nais, poderán compartir unha xornada que os achegará ao mundo da programación e coñecer as posibilidades que poden ofrecer as TIC, buscando así erradicar os mitos relacionados á programación informática, dar a coñecer a contorna da programación Scratch e aprender a desenvolver videoxogos con esta ferramenta.
A implicación e a concienciación dos pais neste ámbito servirá de apoio para que os rapaces se sintan atraídos cara a programación informática, de xeito que esta actividade organizada polo CPETIG non sexa unha excepción, senón o principio dun labor a seguir no fogar.
A xornada comezará ás 9:30 horas coa benvida aos participantes. Logo, entre as 10:00 e as 10:30 horas, terán lugar as presentacións e demostracións, e xa entre as 10:30 e as 13:30 horas, levaranse a cabo os obradoiros de programación en Scratch. A xornada rematará ás 14:00 horas coa presentación dos proxectos.
No Scratch Day contarase coa participación de profesorado experto en Scratch así como con monitores xurdidos do curso de Scratch para formadores que tivo lugar na FIC o pasado 22 de abril organizado polo CPETIG e a FIC.
Este evento, do que está previsto realizar máis edicións ao longo deste ano, encádrase dentro do convenio de colaboración asinado entre o CPETIG e a AMTEGA o pasado 4 de abril, e os interesados en acudir deberán inscribirse a través da web, distribuíndose logo os asistentes en función da súa experiencia previa con Scratch, xa que haberá tanto un obradoiro de iniciación como outro de nivel avanzado.

PUBLICIDADE