O xogo baseado en Game of Thrones estrea trailer

xoves, 20 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Esta semana comezou con varios detalles de Game of Thrones: A Telltale Games Series, xogo para PC, Mac, PS3, PS4, Xbox 360, Xbox One, iOS e outras plataformas que verá a luz antes de rematar o ano, e tras unha serie de imaxes que servían de adianto, agora podemos velas en movemento, xa que Telltale estreou o primeiro trailer do xogo inspirado na serie de televisión da HBO.
Aínda que a familia protagonista desta nova aventura non sexa das que puidemos ver na pequena pantalla, si aparecerán os personaxes principais da serie televisiva e, de feito, dende Telltale confirman que os actores Peter Dinklage, Lena Heady, Natalie Dormer e Iwan Rheon porán as voces no xogo a Tyrion Lannister, Cersei Lannister, Margaery Tyrell e Ramsay Snow respectivamente, deixando caer que no resto de episodios desta aventura aparecerán máis personaxes que non mencionan para non estragar a sorpresa.
Iron from Ice será o primeiro dos seis capítulos que conformarán este xogo que, tras o éxito de The Walking Dead, podería chegar a cotas nunca antes alcanzadas por unha aventura gráfica.


Primeiro trailer do xogo de Telltale baseado en Games of Thrones

PUBLICIDADE