O xogo de Mad Max déixase ver en vídeo

xoves, 23 de abril do 2015 Marcus Fernández

O vindeiro 1 de setembro chegará ás tendas o xogo Mad Max para PlayStation 4, Xbox One e PC (deixando no camiño as inicialmente previstas versións para PS3 e Xbox 360), e para ir abrindo boca dende Avalanche Studios presenta un trailer que nos permite ver como será o xogo en acción, dándonos unha boa idea de como será o prometedor produto final. O xogo sitúanos no páramo, despois de que roubaran a gasolina do noso interceptor, polo que haberá que buscarse a vida e combater contra agresivos malfeitores que farán calquera cousa para conseguir chatarra e prezados recursos.
Esta aventura apocalíptica permitiranos personalizar o noso vehículo, que tamén poderemos empregar para combater, aínda que tampouco faltarán loitas corpo a corpo contra varios atacantes á vez, convertendo a supervivencia no principal reto.
Estamos posiblemente ante un dos mellores xogos do ano, polo que pode verse no vídeo que publican hoxe:

PUBLICIDADE