O xogo de Masacre chegará a PS4 e Xbox One

martes, 1 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Hai pouco máis de 2 anos o personaxe de cómic Masacre estreou videoxogo para Xbox 360, PS3 e PC, que curiosamente chegou a desaparecer das tendas de descargas dixitais para reaparecer hai pouco, previsiblemente para aproveitar o pulo da película do personaxe que chegará aos cines en febreiro de 2016, pero como as consolas para as que saíra o xogo son as da anterior xeración, dende Activision consideraron atinado retomalo e anunciar que o 20 de novembro teremos o xogo de Masacre adaptado a PlayStation 4 e Xbox One, podendo mercarse tanto en formato físico como en descarga.
Cómpre advertir que estamos ante un xogo non recomendado para menores de 18 anos, xa que conseguiu trasladar bastante ben o carácter do personaxe orixinal, polo que o humor e a violencia estarán completamente desatados. Pistolas, katanas, explosións... son elementos que no xogo podemos ver en numerosas ocasións, e para os afeccionados aos cómics da Marvel non faltará algunha aparición estelar, de xeito que incluso poderemos ver a Lobezno presente.
Como é habitual nas remasterizacións, o xogo incluirá todo o contido descargable que foi aparecendo para a entrega orixinal deste shooter en terceira persoa que chega sen grandes pretensións, tendo como principal obxectivo divertir aos seareiros do mercenario leriante da banda deseñada.

PUBLICIDADE