OSIMGA conclúe que a presenza da banda larga en fogares con nenos aumentou no último ano

luns, 27 de outubro do 2014 Redacción

Este domingo saían á luz os principais datos do estudo feito polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) sobre o estado de cousas das novas tecnoloxías na nosa terra en relación aos menores de idade e a xuventude en xeral (menores de idade e mozos e mozas como principais impulsores e divulgadores das novas tecnoloxías nos seus ámbitos). Falamos da investigación A mocidade e as TIC. Entre as moitas conclusións que se sacan desta análise cómpre salientar a seguinte: que os fogares nos que se convive con nenos en idade escolar contan cunha porcentaxe case 18 puntos porcentuais superior á media galega en contratación de banda larga, aumentando case 15 puntos porcentuais no último ano.
Así, o 83,2% dos fogares galegos con rapaces de 3 a 16 anos dispón de servizo de Internet de banda larga, fronte ao 59,8% dos domicilios sen nenos en 23,4 puntos porcentuais. A convivencia con nenos tamén inflúe de xeito positivo no uso de Internet nos últimos tres meses, engádese, acadando un 78,7% neste tipo de fogares, 18,8 puntos máis que aqueles nos que non conviven nenos en idade escolar. A metade dos mozos galegos conéctase á Rede máis de 5 horas semanais fronte ao 36,2% de persoas de entre 35 e 74 anos.
O uso da mensaxería instantánea, redes sociais, foros (85,5%), as descargas ou o uso de xogos, música e películas (56,8%) así como a procura de emprego (31,3%) a través da Rede salientan entre os servizos máis empregados polos mozos e con máis diferenza con respecto aos maiores.
En canto aos trámites coa Administración a través de Internet, os mozos superan aos maiores de 35 anos nas xestións universitarias, bibliotecas públicas e oficinas de emprego. Estes últimos empregan a Administración Electrónica, principalmente para xestións sanitarias e declaración da renda.
De falarmos dos chamados “hábitos dos nativos dixitais”, a partir do estudo Screening do uso problemático de Internet entre os adolescentes da comunidade galega (elaborado polo Valedor do Pobo), o horario de tarde é o preferido polos mozos galegos para conectarse a Internet. O 65,5% dos adolescentes galegos conéctanse a Internet entre as 16 e as 21 horas.
E que acontece co móbil? Pois é o dispositivo preferido para conectarse a Internet. Un 81,2% de adolescentes galegos elixe este dispositivo e 4 de cada 10 mozos faino dende o computador portátil, sendo o fogar o lugar preferido polos adolescentes galegos para navegar pola rede. Como curiosidade, o 27,1% dos adolescentes galegos obtivo o seu primeiro móbil aos 12 anos, confirmando así que os rapaces se inician no uso das tecnoloxías a unha idade cada vez máis temperá.
E as redes sociais? Un 93% dos adolescentes galegos/as está rexistrado en, cando menos, unha comunidade 2.0, acadando a porcentaxe máis alta os mozos que están rexistrados en tres ou máis redes sociais (68,8%). Tuenti é a rede social con máis adeptos entre a nosa mocidade (71,3% de rexistros), seguida por Twitter (65,1%) e Facebook (62,1%).
Dicir que o Whatsapp é a aplicación de mensaxería instantánea máis empregada polos adolescentes galegos.
Por último, e tirando do fío de estudo de OSIMGA (organismo adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA) está unha das cuestións que máis preocupación xera na sociedade, a supervisión e os xeitos de control dos que dispoñen os pais para o acceso dos seus fillos/as a información e páxinas web. Máis da metade dos pais (51,1%) limitan e controlan as actuacións dos seus fillos na Rede, lixeiramente por riba do control exercido co teléfono móbil (48,1%).

PUBLICIDADE