Ocean’s experimenta problemas coa súa banda larga fixa por un suposto ataque

xoves, 30 de xullo do 2015 Marcus Fernández

O operador galego Ocean’s informa esta noite dunha incidencia masiva que provocou caídas intermitentes de conexión en determinados servizos de telecomunicación entre os días de onte e hoxe, chegando incluso ás propias instalacións da compañía, o que lles imposibilitou a comunicación cos seus clientes.
O departamento técnico continúa a traballar para restablecer os servizos afectados en canto sexa posible e seguir adiante co normal funcionamento da empresa. Solucionada a incidencia ofrecerán información detallada sobre a mesma e as medidas compensatorias oportunas que se aplicarán aos clientes.
Dende Sabemos Digital aseguran que o incidente foi provocado por un ataque de DNS contra os seus servidores, calando así os rumores de que o operador camiñaría cara á súa desaparición. Ao parecer os fallos de conexión terían afectado aos 3.000 clientes de banda larga fixa da compañía (tanto de ADSL como de fibra óptica) mentres que as conexións móbiles continuaron a operar con normalidade.
ACTUALIZACIÓN (31-7-2015): A compañía publica un novo comunicado:

Ocean’’s informa que ás 10:00 horas do pasado mércores sufriu un ataque de denegación de servizo (DDoS) que afectou principalmente aos servidores de DNS (cuxa misión é dar servizo aos clientes de ADSL e fibra). Dende ese momento producíronse cortes aleatorios que afectaron de xeito desigual aos nosos clientes. Os servizos de voz e datos en mobilidade víronse afectados pasadas as 12:00 horas con perdas de velocidade en navegación e baixa calidade de voz. Tras analizar ambas as dúas incidencias determinouse que non gardaban relación aparente entre elas. Ás 17:00 horas produciuse a perda dun dos nodos, provocando que o segundo pasase a soportar todo o tráfico. Ás 22:00 horas, este segundo nodo entrou en fallo e ás 00:00 horas ambas as dúas configuracións de equipos deixaron de contestar, provocando unha degradación en todos os servizos.

Ocean’’s deu prioridade ao servizo de mobilidade, en especial aos servizos con impacto empresarial e social. Os clientes de mobilidade recuperaron a totalidade dos seus servizos mentres que os servizos de ADSL e fibra a recuperarán durante as vindeiras horas. Como medida compensatoria, Ocean’’s realizará na próxima facturación o aboamento pertinente a todos os clientes afectados. Así mesmo, realizaranse os máximos esforzos económicos e técnicos para que avarías como esta non afecten de novo aos usuarios. Dende a empresa queremos agradecer aos nosos clientes a compresión e o trato afable que nos dispensaron nestes momentos.

PUBLICIDADE