Oculus estreará sistema de control para a súa realidade virtual en decembro

xoves, 6 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Hoxe e mañá celébrase a terceira edición Oculus Connect, o encontro para desenvolvedores de tecnoloxías de realidade virtual da plataforma propiedade de Facebook, na que se xuntan preto de tres mil profesionais de todo o mundo para compartir os últimos desenvolvementos en hardware, software e contidos de realidade virtual, aproveitando a ocasión Oculus para anunciar o lanzamento do seu sistema de control para o seu casco de realidade virtual, Touch, que poderá reservarse a partires do día 10 por 199 dólares e comezará a remitirse aos compradores o 6 de decembro, incluíndo a reservas os xogos VR Sports Challenge e The Unspoken.
Estes novos mandos tamén terán a posibilidade de funcionar en combinación cun sensor espacial que poderá adquirirse de xeito independente por 79 dólares a partires do lanzamento de Touch. Na mesma liña tamén se porán á venda os Oculus Earphones, auriculares que poden integrarse no casco de Oculus, e que custarán 49 dólares, converténdose nun complemento ideal para quen queira illarse do mundo real durante as experiencias de VR.

Casco de realidade virtual autónomo

Pero un dos anuncios máis importantes da xornada de hoxe foi que Oculus está a traballar nun prototipo de solución de realidade virtual que leva por nome clave Santa Cruz, e que sería unha solución de realidade virtual completa integrada no casco, ou sexa, que non precisaría nin dun ordenador nin dun smartphone para funcionar, aínda que polo momento non adiantan prazos sobre a súa comercialización.

Oculus Parties e Rooms

Outro ámbito no que están a efectuar grades avances é na creación de interfaces para a realidade virtual, como os Oculus Avatars, elementos gráficos que servirán para representar aos usuarios nos contornos virtuais, e que poderían ser a chave das solucións de telepresenza a través da creación de Oculus Parties (chamadas de voz de até persoas en contornos de realidade virtual) e de Oculus Rooms (lugares onde poder quedar cos amigos para ver películas ou lanzar aplicacións simultaneamente e así poder explorar o ecosistema xuntos). Tanto Parties como Rooms chegará a Gear VR nas vindeiras semanas, chegando ás Oculus Rift a primeiros do ano que vén.

Hardware máis asumible

Os cascos de realidade virtual para PC non teñen como único atranco o seu propio prezo, senón tamén o feito de que, para funcionar, precisan de equipos informáticos que normalmente superan sobradamente os mil euros, algo que dende Oculus veñen de solucionar grazas a unha técnica que chaman Asynchronous Spacewarp (ASW), que permite que os xogos poidan correr cunha taxe de fotogramas reducida, pero conseguindo unha sensación equiparable á do renderizado a 90 Hz, de xeito que non marearía aos usuarios e conseguiría funcionar en equipos de prestacións máis reducidas. De feito, durante a presentación de hoxe deron conta dun ordenador de Cyberpower baseado en procesadores de AMD capaz de funcionar coas Rift que tería un prezo de só 499 dólares.
Outro grande salto no ámbito dos equipos para realidade virtual é que á familia de ordenadores Oculus Ready únense varios ordenadores portátiles de Asus, Gigabyte, Lenovo e AORUS, todos con gráficas nVIDIA que permite unha boa experiencia en equipos portátiles, algo que hai un ano parecía difícil de conseguir.

PUBLICIDADE