OpenAI perde a boa parte dos seus fundadores

martes, 6 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Pachocki, Brockman, Sutskever, Altman e Murati nunha fotografía coa que Ilya Sutskever anunciaba a súa marcha de OpenAI en maio

O pasado novembro OpenAI viviu unha intensa crise despois de que a xunta directiva da compañía despedise abruptamente ao seu principal promotor, Sam Altman, provocando unha reacción enérxica de socios e traballadores que levou á readmisión de Altman, quen volve estar á fronte da compañía, pero deixando unha ferida que parece seguir aberta se atendemos á marcha da compañía dalgunhas das súas figuras clave.
Inicialmente foi un dos máximos responsables do despedimento de Altman, Ilya Sutskever, quen decidise marchar de OpenAI pese a ser o seu grande referente intelectual; e agora estamos a ver como o presidente e cofundador Greg Brockman anuncia que vai tomarse un ano sabático, coincidindo co feito de que outro dos fundadores, John Schulman, deixe OpenAI para pasar a traballar para o seu competidor máis directo, Anthropic. A estas dúas novas partidas de OpenAI estaría a sumarse tamén Peter Deng, de quen aínda non transcenderon os detalles da súa marcha.
Temos así que a meirande parte dos fundadores de OpenAI xa non están a traballar dentro da compañía, non quedando claro se é porque non concordan co rumbo que toma a empresa, ou porque o éxito de OpenAI ábrelles portas para iniciar proxectos propios ou sumarse a outras iniciativas que lles resulten máis enriquecedoras.