Orange fai balance dos seus 20 anos en Galicia

mércores, 10 de abril do 2019 Redacción

Hoxe a Sala Eisenman na Cidade da Cultura serviu de escenario para a presentación do Informe Impacto de 20 anos de liberalización das telecomunicacións en España 1998-2018. 20 aniversario de Orange. Impacto en Galicia, no que o operador de telecomunicacións confirmou a súa aposta por Galicia na extensión das novas redes 5G. O acto foi presentado por Luz Usamentiaga, directora de Relacións Institucionais, RSC e Fundación Orange España, e contou coa participación do director xeral de Persoas, Comunicación e Relacións Institucionais de Orange España, Ignacio de Orúe.
O documento presentado por Miguel Barroso, socio director de Deloitte para Galicia e Castela-León, consultora que elaborou o informe, analiza a transformación da industria durante estas dúas décadas tras as que España conseguiu converterse en todo un referente europeo en espallamento de redes de fibra óptica e en cobertura móbil 4G.
Nos casos español e galego Orange xogou un papel moi relevante, cun investimento acumulado superior aos 126.000 millóns de euros entre os anos 1998 e 2016 en España (máis de 1.900 millóns de euros no caso galego), o que supón un 14% dos ingresos do sector TIC nese período.
Mirando cara a Galicia o informe destaca que a comunidade ten un Produto Interior Bruto de 60.568 millóns de euros, mentres que o PIB do sector TIC sería de 1.337 millóns, o que suporía un 2,2% do PIB galego en 2017. Tamén salientan que en Galicia o despregamento de redes de fibra óptica segue moi activo, e actualmente temos 1,2 millóns de accesos de fibra óptica instalados entre todos os operadores. As liñas de banda larga fixa en Galicia chegaría até os 736.000, dos que 123.000 corresponderían xa á tecnoloxía FTTH, na que Orange realizou un investimento de 78 millóns de euros en Galicia para chegar até un total de 470.000 unidades inmobiliarias.
No acto desta mañá dende Orange lembraron a súa contribución ao proxecto Escolas Conectadas de Red.es e a Xunta, a través do que preto de 150.000 alumnos galegos de 822 centros educativos gozan de conexións á Internet mediante conexións de banda larga ultrarrápida (con fibra de 500 Mbps simétricos na meirande parte dos centros). Tamén deron conta do compromiso da Fundación Orange na transformación dixital da sociedade, para o que lanzaron o programa Sé + Digital en Galicia para achegar formación en liña de balde en colaboración coa Escola de Organización Industrial, a AMTEGA e o IGAPE, e que no caso galego contou tamén cos obradoiros Al lado de nuestros mayores nos que buscaban familiarizar a usuarios de máis de 60 anos coa tecnoloxía móbil e as súas aplicacións.
Na clausura da presentación, a directora da AMTEGA, Mar Pereira destacou que a Xunta leva case dez anos avanzando nunha estratexia dixital que busca, tamén, atraer investimento a Galicia e promover alianzas que faciliten ás empresas galegas a internacionalización e apertura a novos mercados. Sinalou, ademais, que desde a Administración autonómica apóstase pola competividade como elemento catalizador de máis e mellores servizos para os galegos, independentemente de onde vivan.
Orange é un dos tres asinantes do Nodo de Cooperación 5G que se puxo en marcha o pasado mes de novembro para desenvolver a lo menos 6 probas de concepto de aplicación das tecnoloxías 5G. Dentro deste compromiso o operador desenvolverá casos de uso desta tecnoloxía en ámbitos como a Industria 4.0, a Educación o Turismo e a Sanidade. O Nodo é unha das medidas do Plan Galicia 5G para posicionar á Galicia como territorio preferente na extensión destas redes.
Mar Pereira sinalou que para avanzar neste ámbito precísase tamén de capital humano capacitado. Por iso a AMTEGA en colaboración cos operadores e a Universidade de Vigo porase en marcha o vindeiro mes de setembro o primeiro Curso de Especialista Universitario en 5G.

Miguel Barroso (Deloitte), Luz Usamentiaga (Fundación Orange), Mar Pereira (AMTEGA) e Ignacio de Orúe (Orange España) participaron no acto da presentación do informe que analiza o impacto en Galicia da liberalización das telecomunicacións co gallo do 20º aniversario de Orange España

PUBLICIDADE