Os 6 primeiros xogos de Mega Man chegan ao móbil

xoves, 5 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

O mes pasado Capcom saíu á palestra a anunciar que estaban a preparar as versións móbiles dos primeiros xogos de Mega Man, no que parecía unha xogada oportunista para aproveitar o interese espertado por Super Mario Run, pero finalmente o xogo chega cun día de antelación e decepcionando á meirande parte dos usuarios que se ben consideran razoable que cada unha das 6 entregas se vendan por separado a 1,99 euros, non teñen a mesma sensación ao ver correr os xogos dun xeito bastante brusco e cun control moi pouco preciso.
Esta adaptación do xogo semella ser un emulador puro e duro do xogo orixinal, presentando unha cruceta e uns botóns en pantalla, que distan moito da precisión de mandos físicos, de xeito que superar os retos que propoñen os xogos lanzados entre 1987 e 1993 para a clásica consola de Nintendo son un desafío máis polas dificultades de manexo que pola falta de habilidade do usuario. Por fortuna, o modo de xogo normal ofrece continuacións ilimitadas, de xeito que podemos volver sempre ao último punto de control, mentres que o modo difícil limita o número de continuacións, reduce os puntos de control e conta con inimigos máis desafiantes.
Estes xogos presentan unha taxa de fotogramas moi reducida, polo que só serían recomendables para incondicionais da saga que queiran levar os clásicos no seu móbil.

Vídeo promocional de Mega Man Mobile

PUBLICIDADE