Os Angry Birds tamén teñen xogo de fútbol

xoves, 19 de maio do 2016 Marcus Fernández

Para Rovio está a ser habitual a realización de lanzamentos por fases dos seus novos xogos para axustar as súas mecánicas e os seus servidores (detalles que resulta cruciais en títulos ­free-to-play para acadar un equilibrio que o faga rendible e non frustre aos usuarios) e o último título que estaría a preparar o seu lanzamento é Angry Birds Goal, un xogo con elementos de manager de fútbol que dende algúns países xa pode descargarse de Google Play e da App Store, aínda que polo momento só está en inglés de xeito que probablemente haberá que agardar ao verán para poder gozar como se merece deste título.
Angry Birds Goal non é un xogo arcade, senón que está baseado na administración dun equipo de fútbol, aínda que permitirá que o xogador controle algunha das xogadas decisivas de cada partido con pases, remates e tiros a porta (mentres que o resto do encontro poderemos velo nunha especie de cronoloxía na que se describen as xogadas), non faltando tamén elementos como o adestramento (para mellorar as habilidades dos xogadores) e outros elementos que contribúen ao éxito dentro deste simulador que pode xogarse de balde, aínda que no seu estado actual ten unha dependencia bastante elevada dos micropagamentos dentro da aplicación.
Queda por ver se o reclamo dos paxaros anoxados son incentivo dabondo para que os afeccionados aos xogos de fútbol para móbiles lle dean unha oportunidade a este Angry Birds Goal.

Os encontros amósanse nunha cronoloxía coas xogadas

PUBLICIDADE