Os Foros NACCE chegan ao seu remate este xoves na cidade lusa de Guimarães

mércores, 26 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

Os Foros NACCE, vertente divulgativa do Proxecto NACCE destinado a promover e asesorar ás novas empresas tecnolóxico-dixitais de Galicia e Norte Portugal, chegan á súa fin co derradeiro dos eventos programados, desta volta no país veciño, na cidade de Guimarães. A cita é no Centro de Computação Gráfica (Campus de Azurém), este 27 de setembro. Ao acubillo deste encontro, sinalan os responsábeis de NACCE (AGESTIC, Consellería de Traballo, Cámara de Comercio e Universidade de Vigo, AIMINHO e a Asociación Centro de Computación Gráfica de Portugal) abordaranse cuestións ligadas á innovación en empresas TIC, concretándose e amosándose oportunidades de colaboración entre ámbalas beiras da fronteira, xa perfiladas nos foros previos desenvolvidos ao longo do mes de setembro na nosa terra.
Nesta última xeira de traballo, engádese, achégase unha nova oportunidade de recibir asesoramento por parte de mentores empresariais e tecnolóxicos de primeira liña, liña de actividade (o asesoramento) que se complementa e se estende no tempo a través da formación de balde canalizada na plataforma nacce.es. Ao fío disto, sinalar que arestora hai máis de 200 profesionais, empresarios e emprendedores inscritos nesta plataforma, achegándose a través dela recursos para mellorar a competitividade da súa iniciativa de mercado e capacitación para abordar espazos externos de actividade e para colaborar con outras empresas tecnolóxico-dixitais, entre outras cousas. A inscrición fica aberta na devandita páxina web, onde se poden escoller a acción ou accións formativas que mellor lles acaian ás necesidades dos interesados.
Lembrar que NACCE é un proxecto que se inscribe dentro da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España -Portugal 2007-2013. No proxecto NACCE participa como xefe de fila e responsable a Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, xunto á Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, a Universidade de Vigo, a Asociación Empresarial AIMINHO e a Asociación Centro de Computación Gráfica de Portugal.
A continuación, damos conta do programa de actividades para o derradeiro dos foros NACCE programados:

Mañá
9:00 REXISTRO DE PARTICIPANTES
9:30 INAUGURACIÓN
Jorge Almeida Santos, administrador, Centro de Computação Gráfica
Nuno Martins, director xeral, Associação Industrial do Minho
Sonia Rábade Gil, secretaria xeral de AGESTIC
Francisco Javier Rodríguez Martínez, subdirector da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo - Campus de Ourense.
10:00 “A Geografia da Inovação: Clusters Regionais”
Presenta: João Nuno Oliveira, Centro de Computação Gráfica
Intervén: Victor Cardial, Cardial Consultores
10:45 NETWORKING COFFE
11:00: “O universo da inovação: Os seus protagonistas”
Presenta: Francisco Javier Rodríguez Martinez, Univ. Vigo
Interveñen:
Alexandre Campos, fundador e CEO de COMPETINOV International Market & Innovation Intelligence.
Roi Correa. fundador e CEO de WEB MENUS S.L.
11:45: “É HORA DE INOVAR” - Mesa redonda / coloquio
Moderador: João Nuno Oliveira, Centro de Computação Gráfica
Membros do panel:
Rui Fernandes. director executivo do IEMINHO – Instituto Empresarial do Minho
Augusto Ferreira. director xeral da TECMINHO - ASSOCIAÇÃO UNIVERSIDADE - EMPRESA PARA O DESENVOLVIMENTO
Carlos Corsino. Consultor de Estratégias Empresariais de STRATIA
13:00: Peche da xornada de mañá
13:00: Xantar

Tarde
14:00: MESAS DE TRABALLO
Mesa 1: Incubación - Mentor: Rui Fernandes
Mesa 2: Transferencia de tecnoloXía - Mentor: Augusto Ferreira
Mesa 3: Innovación en produtos e servizos - Mentores: Alexandre Campos e Roi Correa
Mesa 4: Apoios aos financiamentos – Mentor: Carlos Corsino
16:30 Peche do EVENTO

PUBLICIDADE