Os Pioneiros .gal estréanse para celebrar na Rede o Día de Galicia

xoves, 24 de xullo do 2014 Marcus Fernández

A Asociación PuntoGal presentou esta semana as entidades que serán pioneiras no uso do dominio .gal

O pasado martes deuse conta de que este ano iamos ter un Día de Galicia moi especial, pois dende a Asociación PuntoGal decidiron aproveitar tal data significativa para a estrea dos Nomes Pioneiros .gal, un grupo limitado de dominios baixo o novo dominio de Internet para a sociedade galega que serán os únicos de gozar do noso sufixo en liña até o mes de decembro, cando abrirase o rexistro xeral do dominio .gal (aínda que a mediados de setembro tamén teremos o inicio das fases de Abrente e Carreira que facilitarán un rexistro preferente para, principalmente, protexer nomes de empresas e marcas rexistradas).
Nas últimas horas foron activándose progresivamente moitos dos preto de 90 nomes de dominio que poderán presumir de facer uso dun dominio .gal durante os vindeiros meses, entre os que figuran representacións das nosas Administracións públicas (a Xunta incluso decidiu estrear unha páxina web sobre o Día de Galicia), de entidades representativas da nosa lingua (como a Real Academia Galega), de forzas políticas (de xeito que podemos ver como dende o BNG até o propio Núñez Feijoo estrean dominio .gal), de entidades sen ánimo de lucro (como a asociación ecoloxista ADEGA), de entidades deportivas (como o R. C. Deportivo da Coruña), de medios de comunicación (como a Radio Galega) e, como non, tamén desta mesma casa, xa que dende Código Cero estamos a estrear o dominio codigo.gal, que durante os vindeiros meses será o noso campo de experimentación para contidos audiovisuais e outros elementos que agardamos integrar progresivamente na nosa páxina web de cara á futura estrea do dominio codigocero.gal o vindeiro mes de decembro.

Codigo.gal

Entre as novidades máis salientables do noso novo espazo web está o novo Top 50 de páxinas web en galego, que complementaría á nosa habitual listaxe coas 100 páxinas web galegas máis populares segundo Alexa, pero limitando a relación aos espazos que conten co galego entre as súas linguas, como resposta á recente caída que a nosa lingua está a ter no ranking habitual, e así poder seguir destacando un número significativo de páxinas web en galego, que co seu compromiso pola lingua merecen tal recoñecemento.
Durante o verán tamén pretendemos potenciar o noso uso do vídeo, publicando unha serie de pezas de elaboración propia que buscamos que sexan dos interese dos nosos lectores e contribúan a dar unha maior visibilidade aos moitos proxectos dos sector TIC que se emprenden dende Galicia.

PUBLICIDADE