Os Premios #InLugo serviron para confirmar o envexábel estado de saúde da innovación provincial

luns, 19 de decembro do 2016 Fernando Sarasketa

A Deputación de Lugo entregou o sábado uns galardóns directamente encamiñados a salientar e visualizar o importante traballo tecnolóxico-innovador desenvolvido polos emprendedores e PEME da provincia. Falamos dos Premios #InLugo, concedidos no marco do cuarto congreso do mesmo nome e entregados persoalmente polo presidente da entidade provincial, Darío Campos, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro. Os recoñecementos foron dar finalmente á Queixería do Campo, a Enfermera Saturada e a Funil.gal. En palabras de Campos e Piñeiro, con estes premios distínguense cada ano iniciativas, persoas e organizacións da provincia que fan “bo uso da Internet, as novas tecnoloxías e as redes sociais”. Na edición deste ano presentáronse case corenta candidaturas repartidas en tres categorías.

O galardón para A Queixería do Campo

A Queixería do Campo foi a iniciativa gañadora dentro da categoría Comercio, Ocio e Restauración. Segundo fixo saber a Deputación, a queixería resultou gañadora nesta modalidade “polo bo uso das distintas redes sociais que xestiona (Facebook, Twitter, Instagram, Pinterest e Youtube)” e tamén polo denominador común de todos os seus produtos e servizos: “A calidade”. A queixería está situada na Praza do Campo, 6, en Lugo. As iniciativas finalistas nesta categoría foron Faragulla.com (web adicada á venda de obxectos especiais de cociña) e UVE Laboratorio de Deseño (estudo de deseño que crea espazos totalmente personalizados ao cliente).

O galardón para Enfermera Saturada

Polo que se refire á categoría Deportes, Cultura e Acción Social, a proposta gañadora resultou ser Enfermera saturada. Detrás desta iniciativa atópase Héctor Castiñeira, creador da personaxe do mesmo nome, un achegamento divulgativo e humorístico ao mundo da enfermaría e os hospitais que abrolla directamente dos universos creados polo libro A vida é Soro, autopublicado en primeira instancia polo propio Héctor Castiñeira e logo transformado en obra de éxito (Plaza & Janes). Os finalistas nesta modalidade foron Lugoslavia (web adicada á actualidade do CD Lugo e cunha forte pegada nas redes sociais Facebook, Twitter, Instagram, Flickr e Youtube) e o CB Breogán (entidade premiada polo seu labor de difusión nas redes sociais e na web da actualidade do club de baloncesto).

O premio para Funil.gal

Por último, no apartado Tecnoloxía, recoñeceuse o traballo ben feito de Funil.gal, un proxecto nado a Facultade de Ciencias do Campus de Lugo que destaca entre outras cuestións por ser de acceso aberto e gratuíto e por achegar un laboratorio virtual de química que ofrece novas ferramentas multimedia para o ámbito científico. Entre estes recursos atópase un libro electrónico de prácticas de laboratorio de química e unha serie de vídeos onde se visualizan dun xeito ameno os procedementos, as técnicas e o desenvolvemento práctico no laboratorio de química xeral. As ferramentas están dispoñíbeis na Rede, conseguindo unha ampla difusión nacional e internacional grazas á súa canle de Youtube. Os finalistas nesta modalidade de Tecnoloxía foron Mar Castro, a iniciativa dixital da doutora en comunicación do mesmo nome, experta lucense en protocolo de prestixio nacional e moi centrada en difundir o seu traballo e publicacións a través da súas redes sociais, web e blog. Tamén foi finalista Nudoss.com, proxecto local que nace da empresa Miramar Cruises co obxectivo de dar forma á primeira rede social de cruceiros de Europa.
Concurso de fotografía
No marco da cuarta edición do congreso tamén se deu a coñecer o gañador do concurso de fotografía #Inlugo16, Saritísima (@srvQueen), co que se buscaba premiar á mellor imaxe da cidade (podendo estar tamén relacionada co congreso) que os asistentes publicaran nas redes sociais coa etiqueta #InLugo16. A vencedora recibiu un smartphone última xeración.

PUBLICIDADE