Os buscadores de torrents comezan a integrar reprodutores de vídeo en streaming

luns, 8 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

O intercambio de arquivos a través de plataformas P2P como BitTorrent é unha grande preocupación para a industria audiovisual, e cada vez a situación complícase máis para evitar certas prácticas, porque achéganse demasiado aos consumidores, evitando incluso o uso de aplicacións informáticas para xestionar as descargas, como está a acontecer con Popcorn Time, considerado como o Netflix de BitTorrent, que relanzou hai pouco unha versión web que funciona apoiada nun engadido para o navegador chamado Torrent Time, e que xa non é exclusivo de Popcorn Time, senón que nos últimos días incorporouse directamente a The Pirate Bay, de xeito que dende o popular buscador de ficheiros compartidos a través de BitTorrent pode lanzarse directamente unha fiestra dende a que ver películas e series de televisión sen ter que descargalas previamente.
No caso de The Pirate Bay, en cada un dos seus contidos a descargar atopamos agora, aparte do botón de descarga coa lenda “Get This Torrent” atopamos unha nova opción chamada “Stream It! (Beta)” que vén a ser o acceso a unha fiestra que remite o ficheiro a descargar ao reprodutor multimedia de Torrent Time, que cada vez resulta máis atractivo, xa que integra subtítulos e incluso pode remitir o streaming a dispositivos como o Chromecast, poñendo así facilidades ao alcance do usuario que en moitas ocasións non ten con solucións legais.
Pero que The Pirate Bay integre Torrent Time é só o comezo, xa que varios buscadores de torrents están xa a facer o mesmo, como KickassTorrents, Torrentproject e Videomax, ou sexa, que é moi probable que esteamos ante unha tecnoloxía que remate impóndose como estándar para o streaming de vídeo en certo tipo de páxinas web como aconteceu no seu día do engadido para navegadores de DivX.

PUBLICIDADE