Os cativos de Brión visitan a Aula CeMIT local

mércores, 15 de abril do 2015 Redacción

A Aula CeMIT de Brión recibiu este mércores 15 a visita de preto de medio cento de futuros usuarios das instalacións da aula. Máis polo miúdo, os responsábeis desta amosaron o seu funcionamento e as súas actividades perante 42 alumnos da Escola Infantil local, nenas e nenos de entre dous e tres anos que tamén participaron nunha visita complementaria á Biblioteca Pública Municipal. A actividade encadrouse dentro da programación que están a desenvolver o Concello de Brión co gallo do Día Libro (23 de abril).
Segundo informa o Concello, os cativos dividíronse en dous grupos que percorreron de xeito paralelo tanto o centro de lectura coma a aula de novas tecnoloxías. No primeiro caso, o bibliotecario Armando Patiño amosoulles a sala adicada aos libros de infantil e tamén lles presentou á mascota da Biblioteca: o camaleón Paco Sifón. Doutra banda, na aula CeMIT os pequenos puideron ver de primeira man a actividade deste espazo, onde gozaron cantando distintas cancións coma O tren ou Manola, amais de seren recibidos polo encargado destas instalacións, Antonio Casal. A visita rematou cun tempo de lecer na carballeira de Santa Minia, lugar no que están emprazados estes dous espazos municipais.

PUBLICIDADE