Os centros tecnolóxicos de ATIGA amosan as vantaxes de competitivas de traballaren ao carón das empresas

martes, 26 de xullo do 2016 Redacción

A semana pasada celebrouse en Nigrán a Xornada Innovación Tecnolóxica e Competitividade, organizada pola Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN). Ao encontro, celebrado no Centro de Negocios CZFV en Porto do Molle asistiron máis de medio centenar de empresarios e profesionais de diferentes eidos galegos de produtividade. Puideron dar conta, mediante exposicións de casos concretos de iniciativas innovadoras de empresas e centros tecnolóxicos, de metodoloxías prácticas de colaboración de probada utilidade. Como lembraremos, ATIGA (Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia) é unha fronte común integrada por Gradiant, ITG, AIMEN, ANFACO-CECOPESCA, CTAG e EnergyLab, sendo o seu obxectivo operar como aliado estratéxico referencial para o empresariado galego en materia de Investigación e Desenvolvemento.
Juan Manuel Vieites, presidente de ATIGA, salientou a estreita vinculación do sector privado cos centros tecnolóxicos integrados na Alianza. A este respecto forneceu un dato relevante: o 71,2% dos seus ingresos totais proceden da facturación a empresas. Tamén amosou o cometido que están a despregar os centros tecnolóxicos no marco do Programa Horizonte 2020, contribuíndo a unha maior implicación das empresas industriais. De feito, salientou, “a participación deste tipo de compañías en proxectos de innovación elévase de media ao 31,2% cando hai centros tecnolóxicos dentro da iniciativa”.
Na xornada tamén participou Jorge Barrero, director xeral da Fundación COTEC, quen explicou que a I+D española ten no cambio de paradigma unha gran oportunidade de despuntar, “xa que o novo modelo de innovación aberta e colaborativa que se está a consolidar adáptase mellor á forma de traballar de centros de investigación e empresas españolas que outras fórmulas que apostan por estruturas máis pechadas e xerarquizadas”.
Así mesmo, os centros tecnolóxicos de ATIGA e as empresas Selmark, Borgwarner, Hermasa, Centum Research & Technology e Cooperativa Os Irmandiños, expuxeron diferentes recursos e pautas para artellar frutíferas relacións de cooperación en materia de I+D. As compañías coincidiron en salientar o valor do esforzo que realizan os centros tecnolóxicos para entender as súas necesidades e buscar solucións innovadoras concretas, adaptar tecnoloxías existentes ao seu sector e adiantarse e ofrecer desenvolvementos que lles permitiron destacar no mercado.
Sonia Pazos, directora de Centros de GAIN explicou o novo contexto no que teñen que competir as empresas e resaltou a importancia da cooperación tecnolóxica e empresarial para acceder a oportunidades de maior alcance e impacto. Así mesmo, indicou que “o Goberno galego ten na transferencia de resultados de investigación á empresa uno dos eixos fundamentais de impulso da innovación, para a cal se apoia aos centros tecnolóxicos no seu papel de aliados tecnolóxicos do tecido empresarial, impulsando a competitividade e o crecemento económico”.

PUBLICIDADE