Os consumidores cren que a meirande parte das empresas falsean as súas ofertas no Black Friday

venres, 27 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Estes días están a ser moi movidos no comercio mundial, pola globalización do Black Friday, que está a pegar con moita forza en España, o que crea malestar en moitos consumidores ante a desconfianza polas ofertas deshonestas, de aí que FACUA inste a utilizar as redes sociais para pór ao descuberto os fraudes detectadas mediante o cancelo #TimoBlackFriday, que parece estar aplicarse principalmente á cadea de electrónica de consumo Media Markt, á que acusan de subir os prezos nos últimos días para poder rebaixalos aparentemente durante o Black Friday (aínda que tampouco faltan os que apuntan que outros establecementos de Worten ou Fnac, entre outros, estarían a seguir as mesmas prácticas).
Dende FACUA apuntan que 8 de cada 10 consumidores cren que a meirande parte de empresas oferta falsos descontos en moitos dos seus produtos durante o Black Friday, segundo unha enquisa na que participaron preto de 6.000 cidadáns, na que concretamente o 83% dos consultados aseguran que a meirande parte das firmas falsean os descontos, o 11% cre que só a metade das empresas realizaría estas irregularidades, o 4% cre que algo pouco habitual e só o 2% considera que ningunha empresa incorre nestas prácticas.
Falsear as rebaixas é unha práctica fraudulenta, que tanto engana aos consumidores como supón un acto de competencia desleal, ante o que as autoridades de consumo autonómicas non parecen estar a tomar medidas segundo FACUA, entidades que se laia da falta de control a este respecto, considerando que as comunidades autónomas descoidan cada vez máis a protección ao consumidor.

UCGAL recórdalle a Media Markt que os consumidores non son tontos

A Unión de Consumidores de Galicia, atendendo ás queixas recibidas dos seus asociados expresando o seu descontento con Media Markt pola súa política de prezos nestas datas, decidiu presentar unha denuncia ante o Instituto Galego de Consumo e o Tribunal Galego de Defensa da Compentencia contra Media Markt polo que consideran que é a modificación significativa de prezos en véspera do Black Friday en relación cos prezos que os mesmos produtos ofertas tiñan en datas previas a dito acontecemento, de xeito que as rebaixas reais serían mínimas, o que suporía unha práctica comercial desleal.

PUBLICIDADE