Os decodificadores de TDT accesibles para persoas con discapacidade poranse á venda a finais deste mes
martes 12 de xaneiro do 2010, por | |
| Compartir |
Co principal obxectivo de facer a
Televisión Dixital Terrestre (TDT) accesible para toda a cidadanía sen
excepcións (como debería ser con todas as cousas, incluída a tecnoloxía) o
Ministerio de Industria vén de desenvolver, a través de INTECO, un software
que, incorporado a un receptor de TDT, permite que as persoas con discapacidade
visual e auditiva poidan beneficiarse das vantaxes que ofrece a nova televisión.
Estes decodificadores de TDT
accesibles para todos, poranse á venda a partir de finais deste mes e posto que
o seu sistema de software está desenvolvido en español e en inglés, a
tecnoloxía poderá ser internacionalizada, permitindo romper en todo o mundo as
barreiras ás que teñen que enfrontarse as persoas con algunha discapacidade
deste tipo.
O motor de síntese de voz deste
dispositivo é quen de ler os menús de configuración e as listaxes de
programación das canles, ao tempo que mellora a lectura do subtitulado dos
programas e películas. Neste sentido, as persoas beneficiarias poderán cambiar
o tamaño da letra, a velocidade da voz e a cor dos subtítulos.
Asemade, a TDT accesible ofrecerá
a posibilidade de grabar programas así como permitir o control parental para
restrinxir as canles que non se consideren recomendables para menores.
O proxecto conta cun presuposto
de 500.000 euros e beneficiará directamente, segundo informan dende o devandito
Ministerio, “a unhas 100.000 persoas con
discapacidade visual e ás súas familias”, porén aínda se descoñece en que
establecementos se poderá adquirir e a que prezo.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68














