Os discos duros My Passport Ultra medran até os 4 TB

mércores, 29 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Western Digital está a ampliar a súa liña de discos duros portátiles, anunciando que os seus discos My Passport Ultra, que até o momento están dispoñibles en capacidades de 1, 2 e 3 TB, pasarán a contar tamén con versión de 4 TB, que chegará en breve ás tendas, o que acontecerá no vindeiro trimestre para os discos My Passport for Mac e My Passport Ultra Metal.
Estas unidades portátiles con conectividade USB 3.0 (porto que é máis que suficiente para achegarlle alimentación) buscan atender as novas necesidades de capacidade demandadas polos usuarios, mantendo o seu deseño compacto (teñen un peso e tamaño semellante ao dun smartphone) e para ir máis aló de meras unidades de almacenamento, inclúe software como WD Backup, que realiza copias de seguridade automáticas e incluso pode integrarse con Dropbox.
Os discos duros My Passport Ultra de 4 TB están actualmente á venda nos EE.UU. a un prezo de 159,99 dólares (144,34 euros), aínda que promocionalmente están a venderse por 139,99 dólares (126,30 euros), o que supón un prezo sumamente agresivo, que pode levar a moitos usuarios a dar o salto para renovar o seu disco duro externo.

PUBLICIDADE