Os dispositivos móbiles gañan peso no comercio electrónico

luns, 30 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Pasado o Black Friday, dende IBM quixeron aproveitar este grande fenómeno comercial para analizar o seu impacto en liña empregando a súa tecnoloxía Watson enfocada á análise de Big Data, e deu conta de todo un fito histórico: o tráfico provocado no comercio electrónico dende dispositivos móbiles superou por primeira vez ao tráfico dende ordenadores persoais, acaparando o 57,2% do volume de datos, aínda que en número de vendas limitouse ao 36,2%.
Loxicamente falamos de datos relativos aos EE.UU., onde o Black Friday goza da tradición que permite facer unha análise temporal do fenómeno, que leva uns anos disparándose na Rede, e que dende hai 6 anos conta déixase notar en dispositivos móbiles.

Evolución das compras en móbiles e ordenadores durante o Black Friday dende 2010 (gráfico elaborado por IBM Watson Trends)

Se analizamos os datos do comercio electrónico segundo o dispositivo empregado durante o pasado Black Friday pode impresionar o feito de que, só o 42,7% do tráfico comercial tivese orixe en ordenadores persoais, plataforma que mantén o 63,6% (o que pode levarnos a entender que a xente consulta os produtos no móbil, pero completa a transacción no PC), pero curiosamente o valor da compra medio en tabletas sería de 136,42 dólares, superando os 134,06 dólares do PC, tendencia que resulta difícil de obviar, e que parece indicar que a tableta está a adoptar o rol do ordenador persoal no caso de moitos compradores (que seguen a pechar poucas compras no móbil).
Cómpre destacar que as tendas en liña son moi conscientes deste cambio de tendencia, e non resulta sorprendente ver como boa parte das mesmas contan con aplicación móbil de seu, dende a que chegan a facer descontos adicionais, o que parece unha medida dirixida a incrementar as vendas dende os smartphones, para así favorecer as compras máis impulsivas, en boa medida polo feito de que as pantallas de pequenas dimensións fan máis complicada a comparación de prezos.

Reparto por plataforma do datos relativos ao comercio electrónico nos EE.UU. elaborados por IBM Watson Trends

PUBLICIDADE