Os dominios .blog inician o seu período de sunrise

xoves, 18 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Un dos dominios de Internet de nova creación máis prometedores é o .blog, adxudicado a Automattic, compañía detrás de WordPress.com, o que confíase que faga moi doada a xestión destes novos nomes de dominios que poderán rexistrarse libremente a partires do 21 de novembro, pero hoxe marcan un dos seus períodos clave na posta en marche dos novos dominios de primeiro nivel: a fase de sunrise.
A partires de hoxe os posuidores de marcas que queiran garantir o rexistro dun dominio .blog poden xa solicitalo vía web até o día 9 de novembro e, en caso de coincidir con outra solicitude, decidirase o resultado nunha poxa. En calquera caso os rexistros previos resultan bastante caros, xa que cobrarían 250 euros por cada solicitude anticipada.
Segundo detallan na páxina web de get.blog, dos 250 euros que cobran só 30 euros corresponderían ao nome de dominio en si, polo que dan a entender que ese será o prezo que terán os dominio .blog a partires do 9 de novembro, o que parece unha opción moi conservadora por parte de Automattic, que non parece querer correr riscos como rexistrador, de xeito que poderá garantir a súa rendibilidade de xeito doado, aínda que cómpre agardar ao mes de novembro para saber como ofrece finalmente os nomes de dominio cos seus plans de pagamento en WordPress.com (pois non sorprendería que o incluísen como incentivo para o seu uso, confiándose tamén en que poñan facilidades para migrar blogs actuais ao novo dominio).

PUBLICIDADE