Os elementos interactivos dos chíos en Twitter deixarán de contar no límite de caracteres

martes, 24 de maio do 2016 Marcus Fernández

Na década que leva funcionando Twitter esta plataforma de comunicación foi evolucionando, de xeito que, mantendo o seu límite de lonxitude de 140 caracteres, integrou elementos como nomes de usuario, rechouchíos, fotografías, cancelos, vídeos, enquisas, emisións de vídeo en directo... o que provocou un efecto pernicioso: canto máis interactivo é un chío, menos texto pode incluír o usuario. Por iso, agora anuncian que están a preparar o cambio máis importante na historia de Twitter, que activarase nos vindeiros meses, e suporá unha grande simplificación do sistema, xa que elementos como os nomes de usuario nas respostas ou os adxuntos multimedia deixarán de gastar caracteres nos chíos.
Concretan destacando que os nomes de usuarios aos que respondamos un chío non contarán no límite de caracteres, facendo máis sinxelas e directas as conversas; como xa comentamos, as fotografías, as GIF animadas, os vídeos, as enquisas ou os chíos citados tampouco contarán no límite de caracteres; será posible que os usuarios poidan rechouchiar e citas os seus propios chíos (algo que ten sentido en certas comunicacións e que Twitter entendía como incorrecto); e, en consecuencia, erradicarase a práctica do “.@” (xa que os chío que comecen por un nome de usuario poderán verse directamente como mencións e non como respostas, o que actualmente solucionábase engadindo un punto antes da arroba do usuario citado).
Twitter anuncia estes cambios con antelación dado o seu impacto, e para así dar tempo tamén aos desenvolvedores para adaptar as súas aplicacións a estes novos cambios que permitirán aproveitar mellor os nosos chíos, facendo que finalmente os elementos interactivos non resten lonxitude ás nosas reflexións escritas.

PUBLICIDADE