Os empregados públicos da Xunta poderán acollerse ao teletraballo a partir desta semana

martes, 31 de decembro do 2013 Redacción

A partires do vindeiro xoves, primeiro día laborable do ano, os empregados públicos da Xunta de Galicia que así o demanden poderán acollerse ás fórmulas de flexibilidade horaria e de teletraballo que ata o de agora non estaban reguladas. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que por primeira vez en Galicia se regula a acreditación, a xornada e horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo no eido da Administración autonómica.
A regulación afecta a case 17.000 persoas entre persoal funcionario e estatutario, persoal que presta servizo nas entidades públicas instrumentais e, no caso do persoal laboral, cando pola súa natureza lle sexa de aplicación. Só queda excluído do ámbito desta Orde o persoal de Xustiza -que xa conta coa súa propia regulación-, o persoal que presta servizo nos centros docentes e o persoal do SERGAS, debido ás súas características particulares e á natureza das súas funcións.

Flexibilidade horaria

A normativa establece distintos tipos de xornadas e horarios laborais, así como a posibilidade de flexibilizalos adaptándoos ás necesidades do traballador. Ata o de agora tan só existía un horario ríxido, de 7,45 a 15,15 de luns a venres, e que só se permitía a flexibilidade por razóns de conciliación familiar para persoas con fillos menores de 12 anos ou maiores ao seu cargo.
Coa entrada en vigor desta Orde, establécense tres tipos de horarios, un xeral, un flexible por conciliación familiar e outro de flexibilidade automática. O horario xeral mantense coma ata o de agora, de 7,45 a 15,15 horas, pero co engadido de que os empregados disporán diariamente de 30 minutos para compensar os eventuais retrasos na chegada ao seu posto de traballo.
O horario flexible por conciliación familiar e laboral continúa afectando a traballadores con fillos menores de 12 anos ou maiores ao seu cargo. Neste caso, dentro dunha marxe entre as 7,30 e as 18,30 horas, á petición da persoa interesada, fixarase un horario diario de referencia. Ese horario de referencia poderase alongar ata as 20,00 horas de luns a xoves e ata as 15,30 horas os venres, sempre que o centro de traballo estea aberto. Os interesados deberán solicitar esta opción, que deberá ser autorizada polo órgano competente.

Flexibilidade automática

A terceira modalidade, que é a verdadeiramente novidosa na Administración galega, é a flexibilidade automática, a cal poderá acollerse calquera empregado público. Neste caso o horario constará de dúas partes. Haberá unha parte fixa (de 9,00 a 14,30 horas) que será de presenza obrigada no posto de traballo. A parte flexible será de entre 7,30 a 9,00 horas de luns a xoves e entre as 14:30 a 18:30 horas, de luns a xoves, así como entre as 14.30 e as 15.30 os venres. Do mesmo xeito que no suposto anterior, poderá flexibilizarse o horario mais aló das 18.30 sempre que o centro ou edificio administrativo permaneza aberto e como máximo ata as 20.00 horas, de luns a xoves e ata as 15.30 os venres.
Para poder acollerse a esta flexibilidade automática, bastará con que o empregado público interesado, comunique á Administración á súa vontade de flexibilizar o seu horario, a través dun modelo normalizado dispoñible na intranet da Xunta. Se no prazo de 15 días non recibise denegación expresa, entenderase que poderá disfrutar desta modalidade de horario flexible durante o tempo que permaneza prestando servizos no mesmo centro directivo ou departamento.
En ambas flexibilidades (por conciliación e automática) o cómputo de horas traballadas efectuarase mensualmente e, en caso de eventuais incumprimentos, poderán compensalo dentro da parte flexible do horario do mes seguinte.
Ao marxe destas opcións, seguirán existindo tamén os horarios especiais segundo á natureza do servizo prestado, como é o caso de postos adscritos a unidades de información e atención ao cidadán.
Así mesmo, os empregados públicos terán un marxe de 10 minutos para as fichaxes de entrada e saída, que se computarán como tempo de traballo efectivo. Estes dez minutos enténdese que é o tempo medio estimado de arranque dos sistemas informáticos para proceder á fichaxe.
Non obstante, cómpre salientar que as ausencias e faltas de puntualidade e de permanencia que non queden debidamente xustificadas ou compensadas, conlevarán a correspondente dedución proporcional de haberes á percibir por parte do empregado público.

Teletraballo

Outra das novidades que introduce a normativa que agora entra en vigor é a posibilidade de que un empregado público se acolla á modalidade de teletraballo, é dicir, que realice as tarefas do seu posto fóra das dependencias administrativas. Nesta modalidade, os traballadores da Administración autonómica valeranse das novas tecnoloxías para acadar unha maior eficiencia na xestión pública, ao tempo que se contribúe á conciliación da súa vida familiar e laboral.
Á diferenza da flexibilidade horaria -dispoñible para todos-, a esta opción só poderán acollerse os empregados públicos que teñan implantado no seu centro o sistema Kronos e que, por tanto, conten cunha acreditación dixital.
Nestes casos, poderán acollerse ao teletraballo un máximo de tres días á semana e ademais deberán cumprir outros requisitos coma estar en servizo activo, ter unha antigüidade igual ou superior a dous anos no posto para o que se solicita o teletraballo ou acreditar experiencia en postos con tarefas análogas e que as características técnico-funcionais do posto o fagan susceptible de ser desenvolto baixo esta modalidade. Así mesmo, a persoa interesada deberá dispor dun equipo informático básico con acceso a internet, un lector de tarxeta e teléfono móbil (que non lle proporcionará a Administración) e dispoñer dos coñecementos informáticos e telemáticos necesarios para o exercicio das súas funcións.
Debido ás características do teletraballo, a Xunta elaborou un primeiro estudo preliminar para determinar qué postos de traballo concretos son susceptibles de desempeñarse baixo esta modalidade, xa que logo teñen que ser traballos obxectivables, medibles e que non requiran da presenza física do seu titular. Segundo esta análise, determináronse mais de 2.500 postos de traballo repartidos en todas as Consellerías que reúnen os requisitos para o teletraballo.
En todo caso, será necesario o informe favorable previo da dirección xeral de avaliación e reforma administrativa e de función pública que analizará a natureza e funcións do posto en concreto para o que se solicite o teletraballo, posto que o número podería ser superior.
Así pois, o traballador deberá facer a correspondente solicitude a través do Portal do Empregado Público e o órgano competente disporá de tres meses de prazo para emitir a correspondente autorización.
No caso de existiren varias solicitudes de teletraballo nunha mesma unidade e que por cuestións organizativas non fóra posible a concesión de todas elas, valoraranse as solicitudes de aqueles empregados que acrediten conciliación da vida laboral e familiar.

PUBLICIDADE