Os emprendedores de Galicia Open Future amosaron os seus proxectos ante o grupo de investimento TIC máis importante de España

venres, 24 de outubro do 2014 Fernando Sarasketa

Arredor dun cento de emprendedores galegos participaron este venres na xornada de networking con especialistas en aceleración e investimento organizada por Telefónica. A cita inseriuse dentro das actividades de Galicia Open Future, o centro de emprendemento posto en marcha pola operadora na Cidade da Cultura de Santiago. A xornada foi un fluxo constante de ideas, pautas e propostas, tanto dos profesionais galegos aos representantes de Wayra e Amérigo, coma destes cara aos responsábeis dos proxectos acubillados en Galicia Open Future. Máis polo miúdo, estes amosaron en detalle en que consisten as súas iniciativas (respondendo a preguntas concretas como o tipo de público a quen se dirixe e porqué este público estaría disposto a pagar polo produto), e aqueles, os mentores, axudáronlles a acadar a presentación perfecta e a encamiñar o mellor posíbel os seus desenvolvementos.
O intercambio de ideas comezou nada máis abrirse a xornada. Participaron nela os responsábeis dos cincuenta proxectos galegos acelerados por Galicia Open Future, o CEO de Wayra (a aceleradora de start-up de Telefónica) Gonzalo Martín Villa, e o fundador e xestor de Fondos Amérigo, o grupo de fondos de investimento tecnolóxicos creado por Telefónica, Aquilino Peña.
Logo das presentacións e dunhas breves introducións sobre en que consisten Wayra e Amérigo, pasouse á presentación dunha parte dos proxectos abeirados á aceleradora (proxectos como CreaAppcuentos, Monet, ParkApp ou Appentra, entre outros). Aquilino Peña e Gonzalo Martín interesáronse polos detalles de todas e cada unha das iniciativas, animando aos seus responsábeis a que se sentiran, máis que nunca, coma os integrantes dun ecosistema de innovación onde o obxectivo fundamental é xuntar as maiores posibilidades de éxito. O CEO de Wayra fixo un percorrido pola aceleradora de Telefónica, pola súa presenza en 14 países de todo o mundo, pola súa manchea de centros de emprendemento e pola súa arela fundamental de “seguir medrando e aprendendo”. Ao fío disto, animou aos presentes a aproveitar ao máximo as posibilidades que achega Galicia Open Future, “unha iniciativa excepcional e chea de potencialidades que, como Telefónica e Wayra, precisa tamén do éxito da innovación dos emprendedores para sobrevivir no futuro”. Tamén destacou o feito de que nin en Wayra nin na aceleradora galega do Gaiás, dúas pólas do mesmo tronco, se esixan exclusividades ou compromisos sobre os desenvolvementos impulsados.
Pola súa banda, Aquilino Peña falou de investimento tecnolóxico e comparou a estrutura de Amérigo cunha escaleira cos seus chanzos, “cada un deles con cousas que hai que facer ben antes de pasarmos ao seguinte”. En definitiva, dixo, non hai que bulir nin apurarse, porque todos os pasos a dar teñen os seus criterios que cumprir e esixencias polas que velar. Peña falou tamén de Wayra (“o ecosistema da innovación máis desenvolvido de España”) e da propia actividade de Amérigo, que xa investiu nunhas trinta compañías e consolidouse como o fondo máis activo do ámbito estatal. O seu cometido, sinalou, é procurar proxectos específicos que cumpran cuns requisitos ben claros, que sexan rendíbeis dende o punto de vista do negocio. Ou sexa, que sexan susceptíbeis de gañar en valor co paso do tempo, sempre cara arriba, e que ademais se presenten como iniciativas equilibradas, con equipos ben integrados (o ideal, dixo, son equipos de dúas ou tres persoas) que estean en capacidade de responder ao momento á seguinte pregunta: “Quen estaría disposto a pagar polo produto e porqué?” Peña tamén falou de que o rango de investimento de Amérigo sitúase entre os 500.000 e o millón de euros.
Sobre Galicia Open Future
Galicia Open Future funciona xa de forma efectiva desde mediados de setembro nas súas instalacións do Gaiás. Traballan alí máis 100 persoas pertencentes aos 50 proxectos seleccionados para esta primeira fase, elixidos entre os máis de 130 que se presentaron á convocatoria. A maioría dos proxectos procede de Vigo e A Coruña, seguidos de Santiago de Compostela, e presentan diferentes graos de maduración (idea, semente, prototipo, piloto ou lanzamento). Céntranse en sectores como o tecnolóxico aplicados a distintos ámbitos (marítimo-pesqueiro, agricultura, enerxía), Cidades Intelixentes, lecer, cultura, saúde, educación e turismo, e algúns xurdiron en universidades e centros tecnolóxicos de Galicia.
Galicia Open Future é un proxecto impulsado por Telefónica -que investirá no seu funcionamento preto do millón de euros anuais- en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA. Os 50 proxectos seleccionados recibirán unha axuda, achegada pola Axencia Galega de Innovación, de 2.000 euros. Unha vez superada a primeira fase, os proxectos xa evolucionados poderán optar a outra achega de 25.000 euros, que deberá destinarse ao desenvolvemento do propio proxecto. Ademais, as iniciativas que consigan esta segunda axuda poderán ter a posibilidade de acceder a un préstamo reembolsábel doutros 25.000 euros.

PUBLICIDADE