Os equipos convertibles con Windows 8.1 acadan prezos moi competitivos

mércores, 22 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Microsoft leva meses prometendo que este outono chegarán ao mercado numerosos equipos con Windows 8.1 a prezos moi asumibles, e como grande exemplo diso anuncian agora que a mediados de novembro chegará á cadea norteamericana Walmart o novo tablet Nextbook 10.1 incluíndo un teclado Pogo a un prezo de só 179 dólares (141,08 euros) polo que sería un dos convertibles máis económicos que podemos atopar nun mercado occidental e que aceptará reservas dende mañá mesmo.
O Nextbook 10.1 é un equipo 2-en-1 cunha pantalla táctil IPS de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, que funciona cun procesador Intel Atom Z3735G de catro núcleos a 1,8 GHz, 1 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 64 Gb, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, micro USB, cámaras de 2 e 0,3 Mpíxeles, saída micro HDMI, batería de 6.000 mAh, sistema operativo Windows 8.1 (con Bing), un ano do servizo Office 365 (que aparte das aplicacións ofimáticas de Microsoft tamén inclúe 1 Tb de espazo en OneDrive e 60 minutos ao mes en chamadas telefónicas internacionais a través de Skype) e 20 Gb de almacenamento en OneDrive. Un equipo que pode servir perfectamente para navegar pola web, consumir contidos multimedia, realizar videoconferencias e facer uso de ferramentas ofimáticas, de xeito que pode resultar moi axeitado para estudantes que precisen dun equipo básico e non queiran realizar un grande investimento.

O teclado Poco tamén protexe o tablet durante o seu transporte, converténdoo practicamente nun ordenador portátil tradicional


Vídeo promocional do novo tablet convertible con Windows 8.1

PUBLICIDADE