Os gamertag de Xbox LIVE caducarán aos 5 anos

martes, 26 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Buscar un nome de usuario curto e atractivo tende a ser cada vez máis complicado en calquera servizo en liña, xa que a meirande parte dos nomes están collidos cando un quere darse de alta, pese a que en moitos casos están xa fóra de uso, e para evitar tal problema dende Microsoft fixeron hai pouco unha limpa de gamertags, liberando aproximadamente un millón de nomes de usuario do servizo Xbox LIVE, e agora deixan clara a súa política ao respecto actualizando o contrato de servizos de Microsoft, onde agora figura como requisito ter que iniciar sesión nos servizos de Xbox unha vez como mínimo cada 5 anos para manter o gamertag asociado á conta de Microsoft.
Esta medida fará que sexa máis doado que haxa nomes de usuario dispoñibles ante altas e cambios de nome no servizo en liña que tamén está a mellorar a súa seguridade (bloqueando o acceso a certos contidos ante sospeitas de que a conta do usuario estivese comprometida).
Outro detalle a salientar é que no Código de Conduta engadiron a prohibición sobre a publicación de contido de carácter terrorista, aínda que trátase simplemente dunha matización, pois resulta evidente que nunca se aceptou tal contido, como tamén acontece cos insultos, as ameazas racistas ou o apoio á violencia cara a outras persoas.

PUBLICIDADE