Os maiores das Pontes poderán iniciarse no manexo de dispositivos móbiles

luns, 29 de agosto do 2016

O Concello das Pontes anunciou a semana pasada a vindeira celebración do curso Aprende a usar o teu teléfono móbil, unha actividade formativa orientada sobre todo ás persoas maiores e que se dirixe a achegar este colectivo ao funcionamento básico e ás principais vantaxes e posibilidades dos nosos dispositivos, facendo fincapé nos coñecidos como smartphones (teléfonos intelixentes). O curso desenvolverase a partir do 5 de setembro na Aula CeMIT das Pontes, emprazada no soto da Casa Dopeso.
Segundo apunta a organización da actividade, ao longo da mesma abordaranse aspectos básicos como gardar contactos na axenda, poñer alarmas, manexo de Whatsapp ou uso da cámara de fotos. O curso terá unha duración de oito días, de luns a venres de 10:00 a 12:00. A inscrición é totalmente gratuíta. Para formalizala, teremos que acudir á Aula CeMIT das Pontes (Rosalía de Castro Nº 28), chamar ó teléfono 637 900 975 ou enviar un correo electrónico a cemit.aspontes@xunta.es.

PUBLICIDADE