Os modelos de IA de OpenAI melloran na resolución de problemas complexos
venres, 13 de setembro do 2024
Nas últimas horas OpenAI presentou unha nova serie de modelos de intelixencia artificial que supoñen un importante salto na calidade dos resultados ante tarefas complexas e resolución de problemas grazas a que agora os sistemas revisarán as respostas antes de dalas. Deste xeito, conséguense mellorar considerablemente os resultados en tarefas matemáticas, científicas e de programación informática.
Estes novos modelos estréanse de cara ao público coa versión preliminar de OpenAI o1, que xa está dispoñible a través de ChatGPT. Tamén destaca o feito de que OpenAI o1-mini consegue un grande desempeño en tarefas matemáticas e de codificación, polo que pode axudar a resolver problemas que non precisan da consulta dun amplo coñecemento global.
Cómpre salientar que o comentario de que este novo modelo razoa é unha esaxeración, pois trátase dun xeito de explicar que é capaz de solucionar tarefas máis complexas, xa que se adestrou para resolver problemas empregando técnicas que precisan varios pasos, conseguindo así reducir as alucinacións e conseguindo unha maior precisión, o que supón un importante avance na calidade dos resultados, pero segue a estar moi lonxe do que entendemos por realizar razoamentos.