Os nosos profesionais amosan en Vigo a capacidade das novas tecnoloxías para impulsar innovación

martes, 26 de maio do 2015 Redacción

Hoxe celebrouse en Vigo un encontro organizado para celebrar o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e, a maiores, facer debate arredor do presente das TIC, de como estas inflúen nos restantes sectores e de que recursos cómpre mover para asegurar o máximo desenvolvemento das novas tecnoloxías na nosa terra (á par que a máxima empregabilidade). A Xornada Telecomunicacións e TIC: impulsoras da innovación veu da man do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo (EET) e da asociación Ineo. Celebrouse no salón de graos da dita escola.
A xornada foi inaugurada ás 11.30 horas polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que estivo acompañado polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro; e Jorge Cebreiros, que neste mesmo acto deu paso ao novo presidente de Ineo, Carlos Conde.
Como dixemos, a actividade inseriuse nas actuacións que o COETG organiza cada ano con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e estivo aberto a todos os profesionais galegos do sector TIC. Consistiu nunha mesa de debate co obxectivo de reflexionar sobre como as TIC impulsan o desenvolvemento da innovación no resto de sectores. Moderada por Íñigo Cuíñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, contou coa participación do decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro; a directora xeral de INEO, Lucía Gregorio; o director xeral de Gradiant, David Vázquez; e o director de Electrónica e Sistemas Intelixentes do CTAG, Francisco Sánchez.
O decano do COETG sinalou que “as TIC son o sector de actividade con meirande impacto na produtividade e o crecemento e ademais impulsan a innovación”. A maiores, engadiu que “os enxeñeiros de telecomunicación xogan un papel fundamental na innovación das empresas galegas, xa que son o motor das Telecomunicacións e as TIC”.
Pola súa banda, a directora xeral de Ineo, Lucía Gregorio fixo saber que as novas ferramentas “cambiaron o propio concepto de como facemos negocio” e cada vez é máis difícil atopar sectores ou produtos que non empreguen estas tecnoloxías, xa que todos están obrigados a “innovar e dar ao cliente o que quere”.
Doutra man, o director xeral de Gradiant, David Vázquez salientou o papel que desempeñan os centros tecnolóxicos no eido empresarial e destacou as tendencias máis innovadoras no sector das novas tecnoloxías da información e a maneira en que inciden na innovación doutros sectores.
O director de Electrónica e Sistemas Intelixentes do CTAG, Francisco Sánchez, falou da incorporación das tecnoloxías ao centro do que é responsábel e as liñas que desenvolveu o mesmo arredor delas no sector da automoción. A mesa rematou cunha xeira de preguntas e respostas en formato aberto, e tamén cun resumo das principais conclusións realizado por Íñigo Cuíñas. Este resaltou “o papel fundamental das Telecomunicacións e as TIC nos profundos cambios sociais que se produciron na última década e tamén na innovación actual e futura no mundo industrial”. Destacou tamén “a necesidade de titulados profesionais do ámbito non só en empresas TIC, como ocorría ata hai pouco, senón en todos os sectores industriais”.

PUBLICIDADE