Os novos empresarios de Ferrol achegan un obradoiro sobre posicionamento e mercadotecnia en liña

venres, 21 de novembro do 2014 Redacción

A Asociación de Novos Empresarios de Ferrolterra, AJE-Ferrolterra, está a preparar un obradoiro sobre posicionamento e mercadotecnia en liña, de interese para as empresas e os profesionais que queiran actualizar o seu coñecemento sobre como tirar o máximo partido das redes sociais e da Internet como canles para promoción, comunicación, venda e distribución de produtos e servizos. O encontro, a desenvolver en colaboración co Concello de Ferrol, celebrarase o vindeiro 27 de novembro, a partir das 16 horas. Trátase do obradoiro Emprende 3.0 sobre posicionamento SEO e márketing en liña.
A sesión, informan os organizadores, será ante todo práctico, e como dixemos búscase con ela familiarizar aos emprendedores locais “coas bases precisas para acadar o máximo aproveitamento das novas tecnoloxías, e que iso redunde nuns mellores resultados das súas empresas”.
Expertos nesta materia instruirán aos asistentes no uso destes recursos, moi acaidos para conseguir a máxima visibilidade e operatividade das súas páxinas web, “de forma que garantan a maior efectividade das súas campañas de mercadotecnia en liña”, engaden os organizadores. O novo centro de coworking, aberto no Centro de Negocios Area 76 (A Gándara), será onde se leven a cabo as clases deste obradoiro que está aberto a todos os emprendedores. A inscrición é de balde e pódese formalizar a través da conta aje@cofernet.com ou chamando ao teléfono 981 33 33 22.

PUBLICIDADE