Os novos iPhone baten records de reservas

venres, 12 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Esta mañá nos EE.UU. abríase o proceso de reserva dos novos iPhone 6 e iPhone 6 Plus, e como era de prever, houbo unha auténtica vaga de usuarios que se lanzaron ás páxinas web de Apple e dos operadores de telefonía móbil que comercializarán os novos smartphones, provocando que os seus funcionamentos fosen erráticos e chegando a bloquear os espazos web por completo nalgúns momentos, deixando claro o entusiasmo que provocan os novos terminais, que parecen responder bastante ben á demanda dos consumidores de teléfonos con pantallas de grande tamaño.
Pero non estamos a falar só de saturación de usuarios nas páxinas web, senón que estas persoas estaban a intentar completar reservas de teléfonos, rexistrándose unha demanda bastante superior á dos anos anteriores, provocando que o iPhone 6 Plus esgotase as unidades dispoñibles en reserva, de xeito que algún consumidor podería chegar a tardar máis dun mes en poder facerse co primeiro tabletófono de Apple.
Dende a compañía de Cupertino non dan datos concretos, pero aseguran que están a bater todas as marcas anteriores de reservas no lanzamento dun dos seus teléfonos, polo que dentro dunha semana podemos anticipar que as colas que se verán nas portas das tendas de Apple nos EE.UU. van acadar un volume que non se vía dende había anos, a que os últimos dispositivos non causaran tanta expectación como os novos smartphones.

PUBLICIDADE