Os novos iPhone conseguen vendas record e o Apple Watch podería chegar en abril

mércores, 28 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Apple está a dar conta do seus resultados financeiros correspondentes aos primeiro trimestre fiscal de 2015 (que remata o 27 de decembro), presentando uns ingresos de 74.599 millóns de dólares, que supoñen uns beneficios de 18.024 millóns de dólares, demostrando a boa saúde económica da compañía da mazá e as boas vendas dos seus últimos produtos.
Temos así que a aposta por un incremento de tamaño do iPhone 6 e o iPhone 6 Plus foi un acerto máis que notable, xa que Apple conseguiu vender 74,5 millóns de smartphones, rachando con todas as marcas anteriores. A mellora das vendas dos iPhone nun 46% contrasta coa caída nun 17,7% do iPad, aínda que dende Apple confían en poder mellorar estes resultados en vindeiros trimestres (o que reaviva os rumores de que están a preparar un iPad de maior tamaño, orientado a usos profesionais).
Aínda que os dispositivos móbiles son actualmente o principal negocio de Apple, os ordenadores continúan a ter un peso importante nas súas contas, con 5,5 millóns de unidades vendidas no último trimestre de 2014, o que suporía un crecemento interanual do 14%, deixando claro que os Mac continúan a ter pegada, posiblemente grazas ao factor de arrastre que ten o iPhone, que a empresa de Cupertino parece querer aproveitar cada vez máis, se atendemos as novidades de OS X e iOS 8, que apuntan a unha fusión de servizos e aplicacións entre ordenadores e dispositivos móbiles.
Ao presentar estes resultados Tim Cook asegurou que confía en que o anticipado Apple Watch poida chegar ao mercado do mes de abril, e non no mes de marzo, como agardaban moitos.

PUBLICIDADE