Os novos investigadores galegos darán a coñecer os seus achados en Galiciencia

martes, 3 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

Mozos presentado os seus inventos nunha das anteriores edicións de Galiciencia

En ocasións, non abonda con que che interese a ciencia. Tes que ver, cos teus propios ollos, que ti tamén es quen de traballar a prol dela. Isto que semella un proceso natural (que non precisa máis axuda), non sempre atopa acubillo para desenvolverse. Facer todo o posible para que se dean as circunstancias idóneas para que abrolle o talento é o gran obxectivo de Galiciaciencia, a feira de novos investigadores que organiza Tecnópole (o Parque Tecnolóxico de Galicia) co apoio da Dirección Xeral de I+D. A xuntanza, que vai dirixida a rapazas e rapaces de ESO e de Bacharelato, inclúe este ano tres xornadas enteiras de inventos, propostas innovadoras e presentacións nos stands que a Tecnópole poña na súa propia sede ao servizo dos participantes.
A feira, inserida na Semana da Ciencia 2009, incluirá tamén actividades paralelas para o público en xeral, entre as que se contan sesións de divulgación a cargo de Adolf Cortel e todo tipo de obradoiros ligados á tripla celebración deste ano: o Ano Darwin, o Ano da Innovación e o Ano Internacional da Astronomía. Asemade, Galiciencia contará cun espazo especial reservado para os proxectos xurdidos ao abeiro do programa TIC-TAC, Talentos da Innovación e a Creatividade, iniciativa apoiada por FEUGA e Tecnópole co obxectivo de facilitar o contacto entre o alumnado galego de Secundario e o eido tecnolóxico-innovador das empresas punteiras do noso tecido produtivo.
Data e hora de celebración: do 25/11/09 ao 27/11/09 en horario de 09.00 a 19.00. O venres 27, de 09.00 a 14.00.

PUBLICIDADE