Os participantes na xornada Adolescentes e Internet lembran a importancia de usarmos o senso común nas redes sociais

luns, 23 de novembro do 2015 Fernando Sarasketa

A Valedora do Pobo, Milagros Otero, e Manuel Corredoira, director xeral de Educación

Hoxe estase a celebrar na Cidade da Cultura unha xornada sobre como poñer freo ao ciberacoso na que participan unhas duascentas rapazas e rapaces procedentes de todo o noso territorio, amais de representantes das institucións e entidades que máis están a traballar para frear, dende a educación máis activa, un problema que por desgraza está lonxe de esmorecer: o da violencia de xénero ao abeiro das novas tecnoloxías da comunicación. O encontro Adolescentes e Internet vén da man da Valedora do Pobo e a súa equipa. Precisamente a valedora, Milagros Otero, foi unha das encargadas de inaugurar o encontro. Comezou dando a benvida aos colexios participantes e animou aos escolares a comprender en toda a súa dimensión as implicacións de todo o que se fai ou se deixa de facer ao abeiro das redes sociais.
“É importante saber”, dixo, “que se cometemos un só erro, unha foto enviada que non tería que ser enviada, un coche que se colle cando non debe ser collido nunha noite de festa, este acto pode condicionar negativamente a nosa vida por enteiro”. Otero, a maiores, animou a usar as novas tecnoloxías “con sentidiño e con cabeciña”. E engadiu: “Se queremos que nos traten como persoas maiores, debemos comportarnos como tales, tanto na vida real, como na vida dixital”, en clara alusión aos deberes que temos como internautas, sexamos da idade que sexamos, de respectar a privacidade e a integridade de todos os demais internautas, compañeiros ou membros en xeral da nosa comunidade ou sociedade. A Valedora tamén dixo que intención da xornada deste luns, Adolescentes e Internet, é sobre todo a de “escoitar á xente nova”, non “porque teñan menos dereitos, senón porque ás veces as súas voces escóitanse menos”.
Nas sesións da mañá tamén participou Carolina González García, inspectora Community Manager do Corpo Nacional de Policía, que no seu relatorio falou do labor do corpo que representa nas redes sociais, un ámbito (dixo) “que moitas persoas novas cren que non ten por que achegar problema algún”, se usen como se usen, pero que leva anos “demostrando o contrario”. A inspectora falou das diferentes prácticas de ciberacoso e violencia de xénero máis estendidas arestora (afondou por exemplo no sexting, que é o envío de vídeos ou fotos de contido sexual enviadas a terceiras persoas sen o consentimento da persoa que sae nese material) e forneceu aos rapaces e rapazas asistentes algúns consellos de utilidade para non seren nin vítimas nin instigadores nin protagonistas dese tipo de prácticas. “Se cometemos un erro agora”, dixo, “este non ten por que volverse contra nós hoxe mesmo, pode que o faga o día de mañá, ou o día de pasado da mañá, cando tentemos facer cousas como buscar un posto de traballo”.
González García tamén fixo un repaso polos éxitos da Policía Nacional nas redes sociais, onde ten importante pegada e presenza. De feito, en YouTube conta cun historial de achegas que rolda os 300 de vídeos (seis millóns de visualizacións), en Twitter atesoura a cifra nada desprezábel de 1,8 millóns de seareiros (sobre todo público novo) e en Facebook 307.000 amigos (aos que se lles facilita información e se lles atenden dúbidas e necesidades).
Volvendo á xornada Adolescentes e Internet, lembrar que participan nela os seguintes centros educativos da nosa terra: IES Castro Alobre de Vilagarcía, IES Fin do Camiño de Fisterra, IES Alfonso X O Sabio de Cambre, IES Sardiñeira da Coruña, IES Plurilingüe Xose Neira Vilas de Oleiros, IES Milladoiro de Ames e IES Xulián Magariños de Negreira.

PUBLICIDADE