Os podcast da Deputación de Pontevedra sobre mulleres sobranceiras puxeron o foco na raíña Urraca
venres, 13 de setembro do 2024
O Castelo de Sobroso acolleu este venres 13 de setembro un novo faladoiro do programa de podcast da Deputación de Pontevedra Aquí faltan páxinas. Neste caso, a institución provincial converteu en protagonista á raíña Urraca Primeira de León, unha muller “esquecida pola historia e recuperada a posterori”, como explicou a deputada de Igualdade, Sandra Bastos, durante a inauguración.
O faladoiro correu a cargo da xornalista e escritora Isabel San Sebastián (que publicou este ano La temeraria, un libro centrado na súa figura) e a historiadora experta en historia medieval feminina Carla Trincado, que puxeron en valor a súa figura e a súa historia, na que Sobroso tivo moito que ver, pois foi o lugar no que foi cercada polos partidarios do seu fillo.
“É importante descubrir mulleres como ela, a primeira muller monarca en toda Europa en exercer un reinado de pleno dereito, cuxo poder foi cuestionado por intentar cambiar as regras e rematar cos privilexios”, asegurou a deputada de Igualdade, quen incidiu en que “precisamos construír referentes para as nosas nenas e mozas, que medren sabendo que hai moitas mulleres que brillaron e brillan nos diferentes ámbitos”.
O faladoiro, que se puido seguir a través da web da Deputación de Pontevedra, veu acompañado dun podcast que estará dispoñíbel tanto no sitio web institucional como en Ivoox e Spotify, con testemuños recollidos durante o encontro deste venres.
O faladoiro centrouse na alcumada A Temeraria polo seu carácter batallador, filla e sucesora Afonso VI e Constanza de Borgoña. En 1109 ascendeu ao trono do reino de León, que abranguía tamén Galicia. Durante o seu mandato demostrou ser unha muller moi adiantada á súa época, que cambiou as regras que marcaban como debían comportarse as monarcas.
A segunda colección do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, comezou o pasado mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano. As accións deste ano tamén inclúen a historia de mulleres como as leiteiras de Pontevedra, a investigadora Inmaculada Paz Andrade, a escritora Avelina Valladares, a guerrilleira Placeres Castellanos, a fotógrafa Mary Quintero, as madriñas de Redondela, a artista Mercedes Ruibal, a soprano María Pardo, a política e activista Urania Mella e a combatente María Araujo.