Os procesadores Intel Core chegan á súa 6ª xeración

mércores, 2 de setembro do 2015 Marcus Fernández

A familia de procesadores Intel Core continúa a evolucionar, estreando agora a súa 6ª xeración, momento que estaban a agardar varios fabricantes para poder renovar os seus equipos preparándose ás demandas do mercado que tanto están a pedir solucións sumamente portátiles como equipos capaces de mover contidos en ultra alta definición con fluidez.
A nova microarquitectura de Intel alcumada Skylake (de 14 nanómetros) permitiría que os novos procesadores Intel Core chegasen a multiplicar o seu rendemento até 2,5 veces, triplicarían a autonomía de equipos portátiles e os seus gráficos correrían 30 veces mellor que en ordenadores de hai cinco anos, o que parece un bo incentivo para renovar moitos dos equipos actualmente en uso (Intel estima que hai en uso uns 500 millóns de ordenadores de hai 4-5 anos).
Os novos procesadores de Intel teríanse deseñado en colaboración con Microsoft para tirar un bo proveito de Windows 10, polo que ambos elementos constitúen unha magnífica combinación da que veremos moitas mostras nos vindeiros meses.
Ao igual que nos procesadores Intel Core temos os i3, i5 e i7, para coñecer de xeito doado os rangos de prestacións dentro da mesma xeración de procesadores, os procesadores pensados en dispositivos móbiles Core M tamén seguirá a mesma nomenclatura, de xeito que nos vindeiros meses veremos procesadores Intel Core m3, m5 e m7, abrindo a porta a toda unha nova xeración de dispositivos.
Os novos procesadores tamén facilitarán a adopción de Thunderbolt 3 para USB-C, de cámaras con Intel RealSense (para que os ordenadores poidan dende recoñecer a cara do usuarios ou facer unha videoconferencia mudando o fondo, até dixitalizando obxectos en 3D) e de Intel WiDi/Pro WiDi (tecnoloxía para compartir a pantalla sen cables.
Intel xa ten previsto comercializar nos vindeiros meses máis de 48 procesadores dentro desta nova xeración de Intel Core, que irán dende produtos de consumo até solucións para mercados profesionais. Esta nova tecnoloxía tamén se aplicará para máis de 25 produtos deseñados para aplicará á chamada Internet das Cousas.

Vídeo de presentación dos procesadores Intel Core de 6ª xeración

PUBLICIDADE