Os procesadores Snapdragon 210 facilitarán o espallamento da conectividade 4G

mércores, 10 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Qualcomm continúa a ser un dos actores máis importantes no sector da telefonía móbil, por fabricar os procesadores cos que funcionan boa parte dos smartphones que hai no mercado actualmente, e aínda que na gama baixa comeulle moito terreo o seu competidor MediaTeK, está sabendo reaccionar ben, e anunciou o seu novo procesador Snapdragon 210, que presume de poder achegar conectividade LTE a móbiles de baixo custo (aínda que tamén contará coa variante Snapdragon 208 que só terá conectividade 3G) de xeito que a grande diferenza entre os terminais de menos de 100 euros con respecto ao resto xa non será a posibilidade de gozar das bondades da telefonía 4G.
O procesador Qualcomm Snapdragon 210 integrará 3G e 4G, incluíndo soporte para dobre SIM LTE, a smartphones e tablets de baixo custo, de xeito que en poucos meses poderemos ver como os actuais terminais económicos evolucionarán achegando conectividade 4G, que a primeiros de 2015 medrará substancialmente en toda Europa.
Este novo procesador integra unha gráfica Adreno 304, pode xestionar cámaras de até 8 Mpíxeles e manexa vídeo Full HD tanto na gravación de vídeo como na reprodución. O Snapdragon 210 tamén incorporará Wi-Fi N, Bluetooth 4.1 e soporte para a nova tecnoloxía de carga rápida de Qualcomm (que incrementa a velocidade de carga até un 75%). Estará dispoñible até en procesadores de 4 núcleos a 1,1 GHz.
Esperase que os primeiros produtos cos procesadores Snapdragon 210 e 208 cheguen ao mercado na primeira metade de 2015.

PUBLICIDADE