Os reguladores brasileiros permiten a compra de GVT por parte de Telefónica

xoves, 26 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Cando Telefónica anunciou a negociación da venda da súa filial británica (confirmada onte) comentábase que tal operación podería achegar liquidez para contribuír a operacións como a adquisición de Global Village Telecom (GVT) no Brasil, que tamén se confirma agora, cando o Consello Administrativo de Defensa Económica (CADE) aprobou a operación sinalando unha serie de restricións que permitan garantir a competencia no mercado de telecomunicacións brasileiro.
Deste xeito Telefónica Brasil conta xa coa autorización para integrar a GVT nas súas actividades, converténdose na compañía líder no mercado brasileiro (tanto en número de clientes coma en ingresos). Tras o peche da operación pretenden que Amos Genish, director xeral de GVT, pase a ser o novo presidente e director xeral de Telefónica Brasil, facilitando así a integración de ambas compañías. O actual presidente de Telefónica Brasil, Antonio Carlos Valente, continuará como presidente do Consello de Administración da empresa, aínda que sen tarefas executivas, o que permitirase asumir novas funcións de representación de Telefónica no ámbito de América Latina.
Telefónica pagará a Vivendi 4.663 millóns de euros en efectivo e un 12% do capital social en Telefónica Brasil para facerse con GVT, aínda que Vivendi tamén aceptou que un 4,5% do capital social non o recibirá en accións da nova compañía, senón que aceptou no seu lugar 1.100 millóns de accións ordinarias de Telecom Italia (equivalente a un 5,7% do seu capital social).

PUBLICIDADE