Os responsables de xeoPesca divulgaron as bondades do software libre durante o mes de agosto

luns, 31 de agosto do 2015 Redacción

Durante o mes de agosto os responsables de xeoPesca presentaron a súa ferramenta e as vantaxes que aporta o software libre nun sector estratéxico como a pesca, contando esta actividade divulgativa financiada pola AMTEGA. Nesta xira achegáronse ás vilas de Moaña, Bueu e Combarro (Poio), para o que contaron coa colaboración de: Asociación Cultura e Recreativa Sueste, Asociación os Galos e o Concello de Poio nas súas festas do mar. O numero total de asistentes que se interesaron polo proxecto foi de máis de 50 persoas e contou coa colaboración voluntaria dos socios da asociación.
Nas presentacións falouse primeiramente da traxectoria da asociación, onde o público interesouse pola Mapping Party e a importancia da disposición de coñecemento libre co fin de beneficiar a sociedade e permitir un desenvolvemento igualitario, viuse o exemplo da realizada en Raxó (Combarro) no mes de Abril.
Nunha segunda parte falouse propiamente da aplicación xeoPesca a cal se acompañou dunha demostración en vivo en diferentes dispositivos como tabletas, móbil e computadora portátil. Os asistentes fixeron preguntas sobre os seguintes temas:
- A Explotación sinxela da información pesqueira dos lances e faenas, o cal lles aporta unha maior competitividade e aforro de combustible.
- A Xestión responsable dos recursos mariños, ao dispor de datos fidedignos xerados por eles mesmos.
- A gratuidade da ferramenta e que se pode adaptar totalmente.
Finalmente expúxose o futuro da asociación que se centrará na mellora da aplicación xeoPesca e a realización de obradoiros de temática de Software e Hardware Libre.
Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Xeopesca realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa AMTEGA, e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2015 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE