Os servizos de mercadotecnia smart de BMB serán comercializados pola galega Imatia

luns, 17 de abril do 2017 Redacción

A empresa galega Imatia asinou recentemente un acordo estratéxico coa firma libanesa BMB para a comercialización dos produtos desta compañía no mercado estatal. Máis polo miúdo, a alianza vai dirixida a que Imatia adique parte do seu labor a espallar a implantar os sistemas de BMB en materia de automatización de forza de vendas (concepto que engloba e abrangue as ferramentas tecnolóxicas que se usan en mercadotecnia e administración para automatizar os procesos destas áreas e, en última instancia, para incrementar mercado co achado de novos clientes). BMB, para quen non o saiba, é un referente en Oriente Medio no eido de tecnoloxías para empresas. Conta con máis de 300 empregados e é asesora profesional de máis de 2.500 compañías de primeira liña na súa contorna.
Unha das liñas principais de actividade é a liña Move, especializada na devandita automatización de forza de vendas e máis nos servizos de campo, nas solucións RFID (identificación por radiofrecuencia moi empregadas no ámbito da rastrexabilidade de produtos) e nas solucións de mobilidade empresarial. Para esta liña, BMB conta cunha solución chamada iSell que axiliza as actividades dos axentes comerciais e vencella a información fornecida por estes co back office da empresa, proporcionando un conxunto de ferramentas que permiten ao equipo directivo optimizar a súa toma de decisións e mellorar a produtividade dos vendedores. Na distribución e implantación dos recursos da liña iSell é onde entra en xogo, precisamente, a firma galega Imatia.
O acordo, por certo, responde ao interese da compañía libanesa por espallar o seu radio de acción alén das súas oficinas de Líbano, Exipto, Arabia Saudita, Xordania e Iraq. Como porta de entrada definitiva a Europa atopou en Imatia o que os responsábeis de BMB cualificaron de “excelente aliado”.
Segundo informaron os representantes da firma galega logo da formalización da alianza, “a boa reputación de Imatia dentro do sector TIC, as nosas habilidades no desenvolvemento de software para contornas móbiles e unha dilatada experiencia no sector loxístico e do transporte, foron elementos fundamentais á hora de selar este acordo”.
Fernando Vázquez, director executivo de Imatia, salientou desta maneira a importancia que supón para a compañía galega traballar con BMB: “Estamos a falar dunha das maiores empresas tecnolóxicas do mundo árabe, o cal supón unha oportunidade única de explorar un mercado de difícil acceso para nós, pero moi atractivo polo seu potencial de crecemento. Confiamos plenamente en poder achegar valor engadido a iSell, non só á hora de vendelo senón para melloralo, integralo cos sistemas dos clientes e ofrecer o soporte necesario”.

PUBLICIDADE