Os usuarios Gold de Xbox LIVE poden descargar de balde Splosion Man

luns, 19 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Os usuarios Gold de Xbox LIVE reciben este mes os xogos Earthlock: Festival of Magic e Assassin’s Creed Chronicles: China para Xbox One e Forza Horizon e Mirror’s Edge para Xbox 360, conformando así unha das mellores seleccións de xogos para un mes ordinario (xa que os pratos fortes tenden a chegar no contorno da feira E3 e na campaña de Nadal) que vén de mellorar por sorpresa, xa que, de xeito inesperado, o xogo Splosion Man de Xbox 360 (retrocompatible con Xbox One), valorado en 9,49 euros, está a ofrecerse actualmente de balde para usuarios Gold, permitindo así gozar dun dos xogos independentes máis divertidos e orixinais da anterior xeración de consolas.
Splosion Man é un xogo de plataformas de dúas dimensións e media desenvolvido por Twisted Pixel Games e estreado en 2009 para Xbox 360, que permite controlar a un home explosivo na súa fuxida dun centro de experimentación científica facendo uso da súa habilidade de explotar repetidamente.
Este xogo descargable é un dos máis lembrados e de máis éxito en Xbox LIVE Arcade, acumulando preto de medio millón de descargas, que agora serán amplamente superadas ao ofrecerse sen custo adicional aos subscritores Gold, que de quedar con ganas de máis sempre poderán achegarse á súa secuela, Ms. Splosion Man, con outros 50 niveis novos a superar, e que pode considerarse tamén como unha homenaxe a un videoxogo clásico (Ms. Pac-Man, unha versión norteamericana do clásico Pac-Man que tras o seu éxito foi aceptada por Namco).

Splosion Man é un orixinal xogo de plataformas 2.5D

PUBLICIDADE