Os usuarios de Snapchat ven 6.000 millóns de vídeos ao día

luns, 9 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Mentres Facebook nos sorprendía anunciando que a súa plataforma social entrega 8.000 millóns de vídeos ao día, chega unha plataforma que moitos entendían como máis persoal, Snapchat, e destacaría aínda máis xa que os seus máis de 100 millóns de usuarios activos no móbil verían 6.000 millóns de vídeos ao día, triplicando o volume de reproducións que tiña en maio e achegándose extraordinariamente a Facebook (de manter ambos o seu ritmo de crecemento, empatarían en número de reproducións de vídeo ao día a finais de ano).
Cómpre destacar que o crecemento de Snapchat é invisible para moitos mercados e rangos de idade, xa que estamos ante unha aplicación móbil que trunfa principalmente entre a poboación moza nos EE.UU., pero que serve para deixar ver claramente un cambio de hábitos de consumo de contidos, onde o audiovisual colle cada vez máis peso, o que está a ter un importante impacto no mercado publicitario, que atopa nos vídeos unha saída de emerxencia para a problemática provocada pola emerxencia dos bloqueadores de publicidade, que están a reducir considerablemente as impresións de banners tradicionais.
Os datos de Snapchat aínda non poden analizarse con rigor, xa que polo momento a compañía non detalla o tipo de vídeos que se reproducen (ou sexa que non segrega o contido creado polos usuarios do resto) e tamén pode considerarse que non son moi rigorosos á hora de considerar un vídeo como reproducido (outras plataformas esixen un mínimo de segundos para rexistrar unha reprodución como efectiva), pero resulta evidente que este tipo de ferramentas deben terse cada vez máis en conta á hora de analizar as plataformas sociais e de contido en liña.

PUBLICIDADE