Os usuarios de pagamento de consolas Xbox e PlayStation recibirán grandes xogos en agosto

mércores, 30 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Dishonored é o principal xogo incluído en Juegos con Gold en agosto

Microsoft e Sony parecen querer que os subscritores de Xbox LIVE Games with Gold e PlayStation Plus pasen un bo verán, e anuncian unha excelente coleccións de xogos que recibirán durante o mes de agosto para as súas consolas. Por unha banda, os usuarios de Xbox One poderán descargar en agosto os xogos Crimson Dragon e Strike Suit Zero, valorado cada un en 19,99 euros, mentres que para Xbox 360 estará dispoñible dende o 1 de agosto Motocross Madness (valorado en 9,49 euros) ao que seguirá o día 16 un dos máis recoñecido xogos de Bethesda dos últimos anos, Dishonored (valorado en 19,99 euros). Lembremos que o servizo de Xbox LIVE Gold ten un prezo de 6,99 euros/mes ou 59,99 euros/ano, sendo necesario para poder xogar en liña coas consolas de Microsoft pero que co valor engadido de Juegos con Gold xa compensaríase a cantidade a pagar en menos dun mes.
Pero as consolas de Sony non van estar menos animadas entre os usuarios que paguen por PlayStation Plus, xa que en agosto recibirán para PlayStation 4 o xogo Road Not Taken, un rogue con aventuras e quebracabezas, xunto con todo un buque insignia dos xogos independentes, FEZ. A PlayStation 3 terá acceso ao curioso Proteus e a un grande xogo de acción, Crysis 3, que é un dos títulos que espremen ao máximo o poder gráfico da consola. E para rematar, a PlayStation Vita tamén vai combinar un xogo de pouco peso (o quebracabezas Metrico) cun título de bastante empaque (LEGO Harry Potter Años 5-7). PlayStation Plus ten un prezo que vai dende os 6,99 euros/mes até os 49,99 euros/ano, que parecen máis que xustificados se atendemos ao valor dos xogos (Crysis 3 xa ten un prezo de 29,99 euros, e o último xogo de LEGO Harry Potter véndese a 24,99 euros).

Os usuarios de pagamento de Xbox LIVE poderán descargar de balde en agosto do xogo de Xbox One Crimson Dragon

PUBLICIDADE