Overwatch inicia a súa beta aberta

xoves, 5 de maio do 2016 Marcus Fernández

Blizzard confirmou hai poucas semanas que o seu esperado Overwatch sairá á venda o 24 de maio, pero os seareiros deste tipo de shooters por equipos non terán que mercar o xogo a cegas, senón que dende hoxe e até o vindeiro día 9 de maio estará aberta unha beta pública do xogo para PC, Xbox One e PlayStation 4, o que tanto permitirá a Blizzard pór a proba os seus servidores como facilitará que os futuros compradores poidan catar este xogo que vai medir forzas co recente Battleborn de Gearbox, co que comparte moitos elementos.
A beta aberta de Overwatch está dispoñible no PC a través da aplicación de Battle.net e para PS4 e Xbox One dende as súas respectivas tendas de aplicacións, podendo instalarse a versión de proba como calquera outro xogo de balde. Teremos á nosa disposición 21 heroes a elixir (que poderán organizarse en equipos de até 6 contra 6), catro modos de xogo (Ataque, Escolta, Híbrido entre Ataque e Escolta e Control) e 12 mapas, ou sexa, que a experiencia será completa, aínda que a actividade que teñamos na fase de probas non se conservará no xogo final.
Aínda que calquera usuario de PlayStation 4 e PC poida gozar desta beta aberta, no caso de Xbox One só será posible probar anticipadamente Overwatch se contamos cunha subscrición Gold a Xbox LIVE.

Avance do tráiler cinemático de Overwatch

PUBLICIDADE