Pangea e Telefónica queren celebrar en Madrid a maior exhibición de talento novo da historia

mércores, 21 de xaneiro do 2015 Redacción

Telefónica Open Future (a mesma iniciativa da operadora na que se insire Galicia Open Future) vai impulsar os días vindeiros, en Madrid, un encontro entre novos talentos das novas tecnoloxías da información procedentes dunha chea de países: un total de 65. Na xuntanza, chamada The 2015 Starting Point e organizada por Pangea, participarán uns douscentos mozas e mozos seleccionados de entre 1.400 candidatos de todo o mundo. Celebrarase entre o 28 e o 30 de xaneiro e será, en palabras de Telefónica, “a meirande exhibición de talento endexamais celebrada”.
Telefónica, a través do seu proxecto global de innovación aberta Telefónica Open Future, será o patrocinador principal deste encontro, que organiza a iniciativa Pangea, a primeira rede de menores de 25 anos con talento conectados a nivel global. Ademais do seu apoio como patrocinador, Telefónica Open Future fará posíbel que tanto os relatores como os asistentes poidan compartir en tempo real a través de Twitter as súas experiencias no congreso. Isto canalizarase e materializarase a través de UpClose, start-up fundada por Ramón Sastrón e Iván Smith e investida despois do seu paso por Wayra polo fondo Amérigo e o fondo americano BeataWorks.
“A conferencia”, sinala Telefónica, “busca ser un punto de encontro global para o talento e a motivación e amosar que a mocidade é un valor a ter en conta”. Contará, entre outros persoeiros do emprendemento xuvenil, coa presenza de Alyssa Carson, primeira persoa na historia que pisará Marte en 2033, cando teña 31 anos (agora ten só 14), Jordan Casey, mozo irlandés que con 14 anos é o CEO máis novo de Europa con tres empresas xa constituídas; ou Tomás Álvarez Belón, un do tres irmáns españois que sobreviviron, xunto cos seus pais, ao tsunami que azoutou en 2004 o sueste asiático.

PUBLICIDADE