Papá Noel falará cos nenos galegos grazas ás aulas CeMIT

venres, 9 de decembro do 2016 Redacción

Un ano máis, por novena vez, a infraestrutura e o equipamento avanzado da nosa rede de aulas CeMIT, adicadas á formación e á divulgación TIC presencial e a través de videoconferencia, vai estar a disposición dos nosos cativos para comunicárense con Papá Noel. Segundo informa a axencia AMTEGA, de quen depende a dita rede, máis de 1.600 alumnos de educación infantil de 31 concellos poderán achegarlle, entre os días 12 e 21 de decembro, as súas peticións de Nadal. Isto será posíbel grazas á rede de videoconferencia das aulas CeMIT, que por certo están presentes en todas as comarcas galegas. As roldas de contacto con Papá Noel comezarán en Arzúa, Bande, Betanzos, Ferrol e As Pontes. O intercambio de mensaxes arrincará o luns 12 de decembro a partir das 10 da mañá, cunha duración de media hora en cada aula.
Nos seguintes días, até o 21 de decembro inclusive, conectarán con Laponia as aulas CeMIT de Abegondo, Barreiros, Beariz, Cañiza, Carballedo, Castro Caldelas, Catoira, Celanova, Cerceda, Fisterra, A Fonsagrada, Marín, Muros, Narón, Ourense, Ortigueira, Oroso, Quiroga, Ribeira, Santa Comba, Sarreaus, Valga, O Vicedo, Vilagarcía, Vimianzo e Xunqueira de Ambía, até completar as 31 localidades que recibirán a visita virtual e Papá Noel.
Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel o alumnado do Centro Pai Menni de persoas con discapacidade de Betanzos e as persoas con trastorno do espectro autista da Asociación Bata de Vilagarcía de Arousa
Segundo informa AMTEGA, o obxectivo desta actividade será o “de establecer unha comunicación fluída entre Papá Noel e os nenos e nenas destas localidades, que poderán falar e interactuar con el poucos días antes da Noiteboa”. A idea dos responsábeis da rede CeMIT é “converter estas aulas multimedia, un total de 98 e presentes en 92 concellos e 53 comarcas, en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen”.

PUBLICIDADE