Parkapp convértese en mando gratuíto de garaxe para as comunidades de veciños

xoves, 16 de abril do 2015 Fernando Sarasketa

A aplicación galega Parkapp, dirixida a facilitar aos condutores a localización do aparcamento máis próximo coa axuda do seu dispositivo, vén de establecer un acordo coa plataforma Plusvecinos e de estrear unha nova funcionalidade que engadir á súa xa completa listaxe de servizos. Segundo fan saber os impulsores desta iniciativa, un dos proxectos participantes na primeira edición da aceleradora Galicia Open Future que Telefónica puxo en marcha en Santiago, a devandita funcionalidade nova consiste en ofrecer (dende xa) ás comunidades de veciños a súa tecnoloxía para que aquelas lle tiren proveito de maneira gratuíta. Ou sexa, para que empreguen libremente a aplicación galega para entrar nos seus garaxes, reemprazando os mandos a distancia pola devandita ferramenta e poñendo en xogo un factor a ter moi en conta: o factor aforro.
“Parkapp”, comentan os seus desenvolvedores, “achégase de balde, contra os 35 euros que adoita custar un mando a distancia convencional”. Ademais, outra das vantaxes que ofrece a este nivel de uso é que subministra á comunidade un extra de seguridade: “A diferenza do que acontece cos devanditos trebellos de apertura de portas, a identificación do usuario faise a través do seu número de móbil, e isto non se pode copiar”. En definitiva, engaden, copiar un mando extraviado non é posíbel con Parkapp, e mesmo se perdemos o dispositivo coa aplicación, a través dunha web de xestión o administrador ou presidente da comunidade pode dar de baixa o móbil para que non teña acceso ao garaxe.
A posta en marcha desta funcionalidade coincide co lanzamento da versión definitiva de Parkapp, que xa fornece a través da súa web, e agora da súa nova app, aparcamento en máis de 150 estacionamentos de toda España, “cun aforro de até o 70 por cento”.
A iniciativa coa que abrimos este artigo xurdiu a través dunha colaboración entre os responsábeis da ferramenta galega e a plataforma Plusvecinos, que é outra startup galega dirixida a achegar servizos en liña para os residentes dunha mesma vivenda, bloque ou barrio, a día de hoxe con máis de 15.000 usuarios e 3.000 comunidades de toda España.
Lembrar que Parkapp, amais de facernos máis doado o acceso a un garaxe e máis atopar a praza de aparcadoiro máis próxima, achéganos información sobre prezos e realizar reservas de espazos de aparcamento a través do móbil, incluíndo descontos. Parkapp funciona, a maiores do devandito, como unha aplicación de balde que permite xeolocalizar ao usuario, ofrecer a ruta máis curta para chegar a un parking e, a través dun código QR, acceder ao aparcamento sen utilizar ticket. Este desenvolvemento tecnolóxico, que permite que o móbil interactúe coas barreiras do aparcamentos, supón en palabras dos seus creadores “unha revolución na tecnoloxía que emprega este sector e convértese na gran vantaxe competitiva da empresa”.

PUBLICIDADE