Patricia Argerey toma posesión como nova directora de GAIN

venres, 9 de decembro do 2016 Redacción

Hoxe celebrouse en Santiago a toma de posesión de Patricia Argerey Vilar como nova directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), incorporación da que xa dimos conta os días pasados dende Código Cero salientando a súa traxectoria profesional previa, por exemplo o seu labor á fronte do gabinete do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Precisamente, no acto de investimento celebrado hoxe participou o conselleiro de Economía, destacando que “a nova responsábel de GAIN ten como principal obxectivo que Galicia e a súa industria sigan incorporando a innovación ao seu ADN”.
Conde salientou tamén “a vocación de servizo público” de Argerey Vilar para que GAIN cumpra os grandes retos que ten sobre a mesa ata o ano 2020, retos que inclúen o afianzamento do polo industrial e tecnolóxico de avións non tripulados para uso civil de Rozas, o cumprimento da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) ou “estreitar o vínculo entre empresa e universidade co obxectivo de que a transferencia de coñecemento sexa cada día más útil para a economía galega”.
A nova directora de GAIN amosouse agradecida “pola confianza amosada polo conselleiro” e fixo saber que a súa folla de ruta é “traballar polos galegos e galegas para impulsar a innovación na Comunidade, dando así continuidade ao labor realizado polo seu antecesor no cargo, Manuel Varela”.
Argerey Vilar, nada en Lugo no ano 1977, é doutora en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade Complutense de Madrid e conta cun máster en Estudos Políticos Aplicados pola Fundación Internacional e para Iberoamérica de Administración e Políticas Públicas. Ocupaba desde xaneiro de 2013 o cargo de xefa de gabinete do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, onde chegara despois do seu labor como asesora do presidente da Xunta desde o ano 2009.
Con anterioridade foi profesora na Universidade Complutense de Madrid e secretaria xeral e coordinadora de proxectos I+D do Instituto de Estudios Europeos da Universidade CEU San Pablo, onde exerceu tamén a docencia.

PUBLICIDADE